La Voz, unha tribuna privilexiada para o pensamento de Fernández del Riego

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913-Vigo, 2010).
Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913-Vigo, 2010).

A fecunda colaboración do autor co periódico superou o milleiro de artigos

16 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A palabra escrita foi unha constante fundamental na vida de Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913-Vigo, 2010). Dende que o adquiriu de moi novo, nunca abandonou o hábito da lectura, que no seu caso ía moito máis alá dun costume ou pasatempo: era o seu xeito de estar no mundo e de tratar de entendelo. E axiña entendeu que a palabra escrita tamén era o vehículo ideal para transmitir ideas, pensamento, polo que se consagrou á tarefa de escribir. Era o seu xeito de traballar polas dúas causas nas que cría, Galicia e a liberdade, inseparables a unha da outra.

Na súa abondosa produción escrita, as súas colaboracións con La Voz de Galicia non ocupan un papel menor. A relación entre o intelectual e o diario foi fecunda. Ao longo de sete decenios, os seus artigos glosaron todo aquilo que lle era de interese: Galicia e as súas letras, por suposto, pero tamén as súas viaxes polo país ou no estranxeiro, as súas incesantes lecturas, a obra de artistas por quen sentía afinidade.

Foi unha relación que se iniciou nun ano tan temperán coma 1943, tempos de ditadura. Aínda que non tivera que exiliarse, o seu compromiso galeguista e demócrata ocasionou non poucas complicacións para Fernández del Riego. E a de escribir publicamente foi unha delas. La Voz deulle acubillo e, baixo o pseudónimo Salvador Lorenzana, empezou a escribir sobre os versos de Macías o Namorado ou a pintura de Julia Minguillón, gran amiga súa.

Constancia

Xa en democracia, o que antano foran contribucións sen periodicidade adquiriron unha regularidade que converteron a Fernández del Riego nunha desas voces que gozaban dunha ampla estima no xornal e o seu público. En seccións como a de Opinión ou no suplemento Culturas a súa firma sempre foi un referente. Acreditábao a súa capacidade expresiva, a amplitude das súas miras e a súa finura intelectual, pero tamén a súa constancia. Semana tras semana, Don Paco non fallaba á súa cita. Mesmo cando, por mor da idade, empezou a ter dificultades para escribir: «Fun previsor. Decatábame de que ía perdendo facultades e ía amoreando artigos, escribindo un cada dous días, ata que vin que xa non podía», declarou na súa derradeira entrevista co diario. Proba desa tenacidade vital foi que o seu derradeiro texto, dedicado a Julien Sorel, o famoso personaxe de Stendhal, apareceu apenas unhas semanas antes do seu pasamento.

En total, as colaboracións superaron de longo o milleiro de artigos —o número mil apareceu no 2005—, un patrimonio fundamental para comprender a figura e a personalidade de Del Riego, pero tamén a evolución cultural da Galicia da segunda metade do século XX e o tránsito ao novo XXI. O xornal concedeulle en 1994 o seu galardón periodístico Fernández Latorre, instituído en memoria do seu fundador.

Agora que se lle dedica o Día das Letras á persoa que ideou a celebración, con gran sentido do país e visión de futuro, La Voz publicará unha escolma deses artigos ata o vindeiro 17 de maio, a data elixida polo propio Don Paco en referencia ao Cantares Gallegos de Rosalía —que en 1963, ano da primeira conmemoración, celebraba o seu centenario—, un libro sobre o que escribiu no artigo reproducido nesta páxina. Son unha cumprida mostra do pensamento sempre lúcido do escritor, que atopou nas súas columnas en La Voz de Galicia a tribuna privilexiada para a súa expresión.

O xornal ofrece o 17 de maio unha escolma do escritor ao coidado de Xesús Fraga

Xa é unha tradición consolidada: cada 17 de maio La Voz de Galicia ofrece aos seus lectores un libro arredor da figura á que se lle rende homenaxe no Día das Letras Galegas. Pode tratarse dunha escolma ou recompilación de textos, pode ser unha biografía ou pode ser unha mestura de ambos formatos, pero sempre constitúe unha achega singular e práctica á persoa cuxa obra se conmemora.

Neste 2023, o xornal levará aos quioscos un volume que dá conta do gran articulista de prensa que foi Francisco Fernández del Riego ao longo da súa vida. A súa longa e regular colaboración con La Voz de Galicia traduciuse nun altísimo número de textos que, mantendo sempre un nivel de excelencia literaria, abranguen todos aqueles aspectos que lle interesaban ou consideraba relevantes. Xa que logo, trátase dunha selección de cincuenta artigos, unha pequena pero cumprida mostra da súa grande achega, que retratan perfectamente o espírito intelectual de Don Paco, e que se completa co derradeiro texto seu que publicou o xornal, cincuenta e unha pezas en total.

Organización por temas

A escolma conta con seis apartados para organizar por temas os artigos. O libro ábrese con algunhas das pezas que Del Riego publicou co pseudónimo de Salvador Lorenzana, aparecidas entre 1943 e 1961. Logo seguen capítulos nos que o autor aborda a lingua e a cultura galegas, a súa literatura, os seus paseos polo país, as súas aproximacións a artistas e as súas creacións e, por último, a súa gran paixón vital: a lectura.

A escolma e edición da obra está ao coidado de Xesús Fraga, xornalista de La Voz e Premio Nacional de Narrativa 2021. Ademais da escolla dos textos, o periodista e autor encabeza o seu traballo cunha introdución que debulla os principais trazos biográficos da dilatada vida de Del Riego, que correu en paralelo ao século XX e os seus principais acontecementos. Tamén inclúe unha cronoloxía vital e unha bibliografía, tanto do propio homenaxeado como de obras que analizan a súa figura.

Por último, o volume complétase cunha entrevista que Xesús Fraga lle fixo a Del Riego no ano 2004 e que permanecía inédita ata a súa publicación neste libro. A conversa ten como argumento principal a visita que o intelectual fixo ao Reino Unido no ano 1966 na compaña do seu grande amigo Álvaro Cunqueiro.