Enxalzan a Murguía como «escultor da nación galega»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Manuel Murguía (Oseiro, Arteixo, 1833-A Coruña, 1923).
Manuel Murguía (Oseiro, Arteixo, 1833-A Coruña, 1923). RAG

O sétimo número de «Follas Novas. Revista de Estudos Rosalianos», editada pola Fundación Rosalía, focaliza a práctica totalidade dos traballos que contén no intelectual arteixán

14 abr 2023 . Actualizado a las 16:19 h.

«Poñer de relevo o papel de escultor da nación galega que ten Murguía» é o obxectivo do sétimo número de Follas Novas. Revista de Estudos Rosalianos, editada pola Fundación Rosalía. Na súa figura están focalizados a práctica totalidade dos traballos que contén coincidindo coa conmemoración do centenario do pasamento do intelectual arteixán. «Non queriamos deixar pasar a ocasión para facer visible a un home dunha potencia extraordinaria para reivindicar a nacionalidade galega», afirmou o director da publicación, Xosé Luís Axeitos.

Incídese na publicación no «carácter coral, colaboracionista, da burguesía galega no proxecto guiado por Murguía», resalta Axeitos. Nese ámbito poñen o foco os traballos de Xosé A. Fraga Vázquez, Brea Rey e Xurxo Martínez relacionándoo con Víctor López Seoane, Celestino Vidal e Juan Compañel, respectivamente. A revista inclúe un documento notarial inédito no que o historiador lle concede un poder a Celestino Vidal para realizar cobros pendentes co Ministerio de Fomento relativos a varias entregas do seu Diccionario de escritores gallegos.

Aspectos biográficos

A publicación conta, ademais, con traballos que inciden en aspectos biográficos, como o de Xosé Estévez profundando na estirpe vasca de Murguía repasando a traxectoria vital da súa nai, Concha Murguía Egaña; e o de Luís Miguel Fernández, que explica a relación familiar dos Murguía Castro con Tomás Lugín Armero. Pola súa banda, Manuel Forcadela aborda os conceptos que emprega Murguía para elaborar un discurso contrahexemónico. «Céntrase en poñer en contexto o seu traballo fronte aos que dicían que usaba criterios racistas e étnicos», subliña Axeitos. Pola súa banda, Narciso de Gabriel achega a faceta pedagóxica do historiador e Francisco Rodríguez ofrece unha reflexión sobre o concepto de Idade Media na historiografía galega e española do século XIX.

Non falta na publicación tampouco o discurso de Murguía nos Xogos Florais de Tui (1891), contextualizado por Pilar García Negro. «O máis rechamante, por evidente, é o uso da lingua galega, por primeira vez nun discurso público no século XIX», resalta no artigo. Ademais, a revista conta con achegas tanto sobre Murguía como sobre Rosalía de autores como Aurora López e Andrés Pociña, José Luís do Pico Orjais, Manuel López Baleirón e Eliseu Mera Quintáns. «É unha revista rosaliana, pero a literatura tamén está ao servizo historiográfico de Murguía, non o podemos esquecer», resalta Axeitos.

O director da revista Follas Novas tamén fixo fincapé na relevancia que alcanza a publicación: «Queda enxalzada por converterse practicamente no documento máis importante na honra de Murguía neste seu centenario. É unha satisfacción, pero tamén dá conta —lamentou— de que as nosas institucións políticas e culturais non están á altura das circunstancias». A revista, presentada onte en Santiago, está dispoñible tanto en formato dixital como en papel.