Galiverso somerxido: así se recrea unha visita virtual polo fondo mariño de Galicia

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

_

A Xunta renova a súa instalación de realidade virtual propoñendo un paseo en batiscafo para coñecer o rico patrimonio natural e histórico que hai na costa galega

05 abr 2023 . Actualizado a las 20:54 h.

No ano 1986 o pesqueiro vasco Achondo naufragou preto das Cíes e quedou varado a 38 metros de profundidade. O tempo e o mar foron tecendo con fíos de vida unha nova pel para esta embarcación que, deitada sobre o seu lado de babor, despide aos tripulantes dun batiscafo que vén de navegar pola batalla de Rande, de merendar sardiñas convidados polos golfiños e pasear amodo por paisaxes que semellan doutro mundo, pero que están neste.

Case á mesma hora que exactamente seis meses atrás un equipo multidisciplinar sentaba a escribir os seu soños na mesma sala do Museo Gaiás onde agora Fátima García cita a Paul Éluard para resumir un proxecto que, malia virtual, é profundamente real. Que se mergulla ata eses 38 metros de profundidade nunha Galicia oculta, conservada na salgadura dos milleiros de quilómetros que compoñen as súas costas, para traer á superficie un coñecemento patrimonial e natural enorme, vasto e moitas veces descoñecido. 

Galiverso somerxido vén facer real, a través do virtual, aquela frase de Costeau, que, por baixo do seu chapeu vermello, matinaba en que o mar é un museo que agarda polos seus visitantes, que agora se mergullan de seis en seis nun batiscafo para pasear polas bateas, manipular unha ánfora romana ou un astrolabio e estirar o brazo ata case poder tocar o escintileo dos sargos, os congrios, os polbos e as raias que habitan os fondos mariños galegos. 

Hai un ronsel multidisciplinar no que batuxa a historia da arte, pero tamén a enxeñaría, a filoloxía, a bioloxía, a arte e o submarinismo, nesta odisea de traer o mar a Compostela. Sara Carrasco e Silvia Iglesias mergulláronse 18 veces en doce xornadas para obter a fotogrametría de alta precisión de más de 200 metros cadrados dun fondo mariño que agora pode percorrerse nunha experiencia virtual de 15 minutos, que, en diferentes idiomas, converte o Galiverso somerxido nunha visita guiada á ese museo que agarda por ser descuberto.

Sandra Alonso

«O que non se coñece, non se pode coidar». A frase que pronuncia Silvia Iglesias, de 13graos, vén reforzar que hai unha Galicia submariña que permanece oculta aos ollos da poboación, que dun xeito lúdico pode agora ver os fondos mariños a diferentes profundidades ou erguer os ollos para ver pasar sobre as cabezas unha balea rorcual coa súa cría. Ou manipular un canón mentres se recrea a batalla de Rande e ver con detalle antigos traxes de mergullo, grazas ás recreacións virtuais do patrimonio do Museo do Mar e o Museo Massó que sacas as pezas das vitrinas.

Manuel Vila e Ana Isabel Vázquez, secretario técnico de Cultura e xerenta da Cidade da Cultura, erguen a man dereita para apresar aire, que en realidade, por tras das gafas, transformouse nun astrolabio que se pode xirar, achegar e afastar. Miran a esquerda e dereita para observar con detalle diferentes ecosistemas mariños. Poden porque se puxo en marcha un desafío tecnolóxico nas mans de Maxina para modelar e animar o comportamento, o hábitat e a apariencia das especies mariñas. Porque se deseñou unha cámara de 360 graos con carcasas especiais para a gravación en estéreo que permitise recrear o efecto tridimensional da visión humana. Porque se deseñou unha nova experiencia virtual que se resume nun verso de Manuel Antonio: Fomos quedando sós, o mar, o batiscafo e máis nós

 A viaxe, que podería asemellarse un chisco á das vinte mil leguas de viaxe submarina de Xulio Verne, está pensada para maiores de 10 anos é de balde, previa reserva a través de Ataquilla e no Museo Centro Gaiás.