O Carballo Interplay, dez anos de aposta polo galego no mundo dixital

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

Ana García

Unha nova edición deste festival comezou este mércores na capital de Bergantiños

29 mar 2023 . Actualizado a las 23:34 h.

Millenials contra Xeración Z e Xeración Alfa: quen gañará? Con este divertido xogo rematou esta mañá de mércores o programa Dando a turra, que puxo o broche á primeira xornada do Carballo Interplay, un festival que leva dez anos promovendo a creación de contidos dixitais en galego e polo que pasarán nos próximos días comunicadores, creadores e persoeiros do mundo das redes. Haberá charlas, talleres, mesas redondas, gravacións en directo de varios pódcast e unha zona profesional con actividades nas que se buscará establecer unha conexión entre os creadores e as principais produtoras, plataformas ou medios que apostan pola elaboración de contidos dixitais orixinais.

Ana García

Esta décima edición, comandada como vén sendo habitual por Sonia Méndez e o seu equipo, co apoio do Concello de Carballo, a Xunta e a Deputación, arrincou cun acto de apertura protagonizado polo proxecto de Dinoescolas, que buscou fomentar a creación en galego entre a mocidade e que recoñeceu iniciativas de varios centros educativos: IES Maximino Romero de Lema de Baio, IES Val do Asma, IES A Cachada e a Escola de Imaxe e Son de Someso. Seguidamente subiron ao escenario do Pazo da Cultura de Carballo Belén Puime e Uxía Vázquez, que conduciron un talk show ao que asistiron como convidados o actor e guionista Miguel Canalejo, a tiktokeira e estudante Eira, a artista visual e musical Hydn e a xornalista Xulia Lomba. Xuntos, abordaron temas que afectan á mocidade, como o mundo laboral, a madurez, a xestión da frustración, as expectativas conforme se van cumprindo anos ou a conciliación.

O de hoxe foi apenas un primeiro aperitivo, pois veñen por diante tres días de intensa actividade que terán como eixo central os certames de webseries, nos que se repartirán 5.800 euros en premios. Dezaseis proxectos chegados de todo o mundo competirán na sección oficial, mentres que outros doce farán o propio no apartado de mellor proxecto de webserie en galego. A xornada profesional, que se levará a cabo mañá venres, abordará aspectos como os cambios que viviron as plataformas ou a industria que hai detrás do mundo dos pódcast.