Os premios María Casares renden homenaxe aos «xéneros escénicos das marxes»
CULTURA
«Mudamos as bases co obxectivo de ampliar horizontes, de modernizar o certame e adaptarnos ás novas correntes artísticas que definen hoxe por hoxe a nosa produción escénica», sinalou Arantza Villar, da Asociación de Actores de Galicia
27 mar 2023 . Actualizado a las 22:36 h.A festa da 27.ª edición dos premios de teatro María Casares será unha homenaxe aos «oficios invisibles do teatro e os xéneros escénicos que se sitúan ás marxes» do teatro convencional. Será este xoves a partir das 20.30 horas no teatro Rosalía Castro da Coruña. «Teremos unha gala con circo, con clown, con monicreques e con complicidade con outros xéneros, todo para entreter os entretedores, xa que por un día a profesión teatral como colectivo se converte no máis importante deste oficio: no público. E farémolo dende as marxes, dende a periferia da periferia do sector teatral», defendeu onte Marcos PTT (Lugo, 1977), director da celebración, nun encontro no Concello da Coruña.
PTT referiuse aos actores que subirán ao escenario do Rosalía, Natalia Outeiro Pajarito, Arturo Cobas, Johanna Hesse, Álvaro Fitinho, Beatriz Rubio, Ezra Moreno e o propio PTT, quen, ademais de dirixir e actuar, asina o guión xunto a Antón Coucheiro. «É un elenco interxeracional, no que nos mesturamos a primeira xeración do novo circo galego xunto con novos nomes desta disciplina», explicou sobre un equipo que se completa con Carlos Alonso en vestiario e escenografía, NachoFaiaLar (trío formado por Nacho Muñoz, Faia Díaz e L.A.R. Legido) na música en directo e Dani Pais na iluminación.
Dúas novas categorías
PTT aproveitou para celebrar que os galardóns este ano amplíen as súas categorías (ao pasar de 14 a 16) para incluír a dirección do movemento e o espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.
Sobre esta ampliación tamén falou Arantza Villar, da Asociación de Actores de Galicia (AAAG), que organiza os premios dende a súa posta en marcha en 1997. «Este ano mudamos as bases co obxectivo de ampliar horizontes, de modernizar o certame e adaptarnos ás novas correntes artísticas que definen hoxe por hoxe a nosa produción escénica», sinalou, para engadir que os tradicionais apartados de escenografía e música orixinal deron paso aos de espazo escénico e espazo sonoro. Villar lembrou que, tras tres anos, a gala se celebra de novo na semana do Día Mundial do Teatro, despois dunhas edicións condicionadas pola pandemia.