A RAG e o Consello da Cultura defenden este martes no Congreso de la Lengua Española a pluralidade lingüística e cultural

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Álvarez inaugurou este luns na Facultade de Filosofía da Universidad de Cádiz, xunto co reitor, Francisco Piniella, e o decano Arturo Morgade, a mostra «Inventio mundi», coa que o Consello da Cultura amosa os inicios da navegación galega.
Álvarez inaugurou este luns na Facultade de Filosofía da Universidad de Cádiz, xunto co reitor, Francisco Piniella, e o decano Arturo Morgade, a mostra «Inventio mundi», coa que o Consello da Cultura amosa os inicios da navegación galega.

Víctor F. Freixanes e Rosario Álvarez levan a Cádiz a súa reivindicación da convivencia entre as linguas ibéricas

28 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, e a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, defenden este martes no seo do noveno Congreso Internacional de la Lengua Española, que arrincou onte en Cádiz, a convivencia lingüística e cultural e reivindicarán a importancia do multiculturalismo. A súa participación neste encontro —que reúne máis de 300 congresistas de todo o mundo hispánico nunha cita organizada pola Real Academia Española (RAE), a Asociación de Academias de la Lengua Española (ASALE), o Instituto Cervantes e o Ministerio de Asuntos Exteriores— desenvolverase en distintas actividades.

Freixanes intervirá, canda os responsables das academias vasca, catalá e española, nun encontro no que defenderá a pluralidade lingüística e cultural como «unha riqueza que debe ser apoiada por unha política común dende o Estado e dende as comunidades autónomas». No foro Lenguas y culturas, un patrimonio común del Estado español, que terá lugar ás 16.30 horas, vindica o impulso de iniciativas que abrangan dende os medios de comunicación e o sistema educativo —con especial atención aos primeiros niveis—­ ata o comercio, a Administración ou a representación internacional, chama a atención sobre «o desafío que significa combater os modelos uniformadores que entraña a globalización», e esixe «o fortalecemento dos recursos económicos e técnicos para facer efectivas as actuacións necesarias». Compartirá mesa de debate coa presidenta do Institut d'Estudis Catalans, Teresa Cabré; o secretario de Euskaltzaindia, Adolfo Arejita; e o director da RAE, Santiago Muñoz Machado.

Ás 18.00 horas, Álvarez participará na mesa Las relaciones entre las lenguas ibéricas. Mestizaje y factores culturales, que preside Nelson Vásquez, coordina José Manuel Blecua e na que participan Jon Kortazar e Carme Riera. Está previsto que a presidenta do CCG acuda a un encontro cos dirixentes do Institut Ramón Llull Pere Almeida e do Etxepare Euskal Institutua Irene Larraza, así como o propio Muñoz Machado, para abordar a diversidade lingüística.

O Consello propiciou a participación de Baiuca no concerto que organiza o Instituto Cervantes (o xoves, ás 21.00 horas) na gaditana sala Momart, nunha cita aberta que busca amosar a riqueza musical nas linguas oficiais, na que tamén están Izaro, Mishima, Ángel Stanich e Jorge Drexler. É de entrada libre e emitirase en directo en Radio 3.

«Es la hora del español, con todas sus voces, sus giros, matices, acentos, riqueza y diversidad», celebrou onte Felipe VI do teatro Falla de Cádiz na inauguración do congreso.