A diáspora galega en Bélxica reivindícase no EmigraSon

Laura Placer Breijo
Laura Placer BRUXELAS/LA VOZ

CULTURA

Pablo Vázquez (cedida)

Preto de 200 galegos xuntáronse esta fin de semana en Bruxelas

27 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando o centro galego de Bruxelas pechou as portas no 2019 os emigrados quedaron practicamente sen espazo para celebrar as súas raíces. Iria lémbrao con pena. Os seus avós emigraron e ela xa naceu e viviu toda a vida en Bélxica. Pero ninguén podería dicilo. Fala galego e baila muiñeira como se crecera en Galicia. Ese vencello ca súa cultura levouna a formar parte das preto de 200 persoas que esta fin de semana se xuntaron en Bruxelas co gallo do EmigraSon. Ata as actividades se achegaron emigrados afincados en Bruxelas pero tamén galegos que viaxaron ex profeso para o festival. Detrás deste proxecto están cinco rapaces morriñentos —Mateo, María, Karan, Gara e Cris— que, sen máis pretensión que facer unha xuntanza de galegos emigrados, organizaron dúas xornadas de actividades na capital da Unión Europea sen ánimo de lucro.

Ata Bruxelas viaxaron gaitas, pandeiretas, guitarras e óboes para reivindicar que a cultura galega é variada e interesa tamén fora das fronteiras propias. Isto quedou patente co ambiente que se respiraba en cada un dos tres espectáculos que conformaron a programación da fin de semana.

O venres Celso Fernández e Benxamín Otero deron o pistoletazo de saída cun espectáculo de música e oralidade no Instituto Cervantes. Non había mellor forma de empezar que cas súas historias de vida e morte, de emigración e de cotío. A súa divertida e conmovedora presentación dou paso a unha foliada a cargo do grupo Xirandola, do Deza. As gaitas puxeron a bailar a un local tan ateigado de galegos que case non se podía nin bailar unha muiñeira.

O prato forte chegou o sábado co festival de música que xuntou a cinco grupos galegos: Filloas, Berto, Fillas de Cassandra, The Rapants e Familia Caamagno. Toda a sala vibrou durante seis horas con ritmos que fluíron dende os sons urbanos de Filloas ata o rock The Rapants pasando pola tradición-fusión de Fillas de Cassandra.

Mateo, Karan, María, Cris e Gara, organizadores do EmigraSon
Mateo, Karan, María, Cris e Gara, organizadores do EmigraSon

Tres xornadas de celebración da galeguidade que foi todo un éxito para público, grupos e organización. Para Sabela, unha das asistentes que viaxou desde Galicia para ver o festival e visitar a cidade pareceulle «moi bonito ver como se materializa unha idea tola dun grupo de emigrados que ademáis chega a tanta xente». Esta gratitude por parte dos asistentes fai que dende a organización pensen que «mereceu a pena todo o esforzo», como comenta Karan. «Queríamos que quedara a xente contenta e penso que o conseguimos», afirma con voz alegre pero cansa despois de tres días de máximo trafego. A fatiga non o bota atrás e xa está pensando nunha posible segunda edición sempre que atopen financiamento. Esta primeira edición do EmigraSon foi difícil nese aspecto aínda que finalmente puido saír adiante grazas ao apoio dos europarlamentarios galegos Nicolás Casares (PSOE) e Ana Miranda (BNG). Esta última afirma sentirse «honrada de acompañar a creatividade galega, a músicos con tanto talento que ás veces non teñen tantas oportunidades», e espera que isto sexa un precedente. Tamén pensan o mesmo os grupos. The Rapants non esperaban un convite así. «Cando nos dixeron que querían que foramos a Bruxelas estoupounos a cabeza, pensamos, se se da, é unha das experiencias da vida», comentan. «O que máis mola é que traian aquí a nosa cultura. Esperemos que esta iniciativa dure moitos anos e que sirva de exemplo a seguir para outros proxectos», conclúen.