A situación «indigna» do Panteón de Galegos Ilustres: precario e sen regular

CULTURA

O templo conta con moitas humidades, como se aprecia xunto á tumba de Castelao.
O templo conta con moitas humidades, como se aprecia xunto á tumba de Castelao. PACO RODRÍGUEZ

O espazo na deteriorada igrexa de Bonaval carece de normas de xestión

26 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

25 de maio de 1891. Os restos mortais de Rosalía de Castro son trasladados desde o cemiterio de Adina, en Iria Flavia, ata a igrexa de San Domingos de Bonaval. Así nacía con grande apoio institucional e popular o Panteón de Galegos Ilustres. Este lugar cargado de simbolismo ao que logo se incorporaron o líder rexionalista Alfredo Brañas (1906), o escultor Francisco Asorey (1961), o poeta Ramón Cabanillas (1967), o intelectual Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1984 por acordo do Parlamento galego) e o cartógrafo e matemático Domingo Fontán (1988) atópase 132 anos despois nunha situación de indefinición. Non hai norma ningunha nin municipal, nin autonómica nin estatal que regule o seu funcionamento, tanto para decidir quen debe estar nel, como a súa xestión e o financiamento. A proposta de lei presentada polo Museo do Pobo, o Consello da Cultura, a Real Academia Galega, e as fundacións Rosalía de Castro, Castelao e Alfredo Brañas ao Parlamento no 2011 para que o panteón quedase baixo a súa tutela nunca chegou a aprobarse. A iso hai que engadirlle a propia situación do templo, cun acceso e estado precario.

«É unha terra de ninguén. O templo é do Arcebispado [unha sentenza no ano 2010 do Tribunal Supremo devolveullo á Igrexa], pero este tampouco ten xurisdición para decidir sobre o panteón», explica o historiador Justo Beramendi, que participou na redacción da proposta de lei e durante máis dunha década estivo á fronte do Museo do Pobo Galego. «É unha situación indigna para a historia de Galicia», reitera o experto. Hai dous anos, a entidade museística xunto á Fundación Rosalía, coincidindo coa conmemoración do traslado dos restos da poeta, xa denunciaran esta precariedade do que debía ser o Panteón de Galicia e reclamaban un trato e acceso digno. «É unha situación que non merece un espazo co simbolismo que ten o panteón», afirma Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.

O feito de que a igrexa de Bonaval dependa da Arquidiócese de Santiago tradúcese en que calquera actividade que se leve a cabo nela, sexa do ámbito cultural, institucional ou relixioso, debe contar coa súa autorización, como sucedeu recentemente cos actos fúnebres de García-Bodaño ou cando a Fundación Rosalía ou Castelao organizan actos de lembranza. Desde o órgano eclesiástico explican que estudan cada unha das solicitudes antes de conceder o permiso. E, que pasa co acceso de visitantes? Unhas reixas pechan a porta principal desde o exterior. Despois do cambio de titularidade do templo, a entrada está habilitada por un lateral a través do contiguo Museo do Pobo, tal e como se estableceu nun convenio entre a Xunta e Igrexa. Así que o horario de visita cínguese ao da entidade museística.

A ese limbo no funcionamento e ás particularidades do acceso hai que engadirlle o propio deterioro que sofre o único templo gótico que queda en Santiago. As chuvias desta semana deixaban visibles pingueiras, que se suman ás grandes humidades que se aprecian en múltiples paredes, vexetación que medra sen control ou ao mal estado das cubertas. «Non hai ningún plan de mantemento por parte de ninguén», di Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo, engadindo que «nestes momentos, o Panteón de Galegos Ilustres e as persoas que alí repousan non están coidadas da mellor maneira».

Tramitación parlamentaria

Pero, que pasa no Parlamento? Desde a Presidencia explican que o asunto está nas mans dos grupos. Desde o maioritario, o PP, afirman que «estase traballando» e aluden ás dificultades que supón ao estar implicadas máis institucións, como a Igrexa e Patrimonio. Desde a oposición, BNG e PSOE detallan que non os chamaron para negociar. Esta falta de avances esperta as críticas do BNG. A súa deputada Mercedes Queixas entende que o Panteón «está secuestrado por dúas vías». Por unha parte, apunta á Igrexa, «pois a actividade debe someterse ao seu permiso», e por outra, «ao PP no Parlamento, xa que non move ficha». Pon o exemplo na falta de resposta ás iniciativas que presentou en outubro.

Esta ausencia de regulación do Panteón de Galicia en canto a súa xestión, uso e conservación, así como a non definición sobre quen pode ser digno de acompañar a persoeiros como Rosalía e Castelao e do procedemento para levalo a cabo deixa estancada a nómina de «ilustres» desde que o 30 de decembro de 1988 se depositaran os restos de Domingo Fontán en Bonaval. Na proposta de lei do 2011 situaban entre as condicións que polo menos pasasen 25 anos da morte da persoa e abrían, por exemplo, a posibilidade de situar cenotafios para lembrar aos novos sobranceiros.

Doce anos á espera da lei: «Hai que dar unha solución xa»

O Museo do Pobo Galego, sempre moi ligado e preocupado polo Panteón de Galegos Ilustres, reactivará a demanda ao Parlamento para que se regule o seu funcionamento. A última petición foi o 8 de xullo do ano pasado cando rexistrou xunto á Real Academia Galega (RAG) e o Consello da Cultura Galega (CCG) unha solicitude para que se convocase unha xunta de voceiros ou á Mesa parlamentaria. «Nove meses despois non houbo resposta e imos reiterar a petición», di a presidenta do Museo, Concha Losada, que engade que «hai que darlle unha solución xa». O proxecto de lei leva 12 anos atascado. «Non sabemos por que nalgún momento se bloqueou. Todos os grupos por separado nos din que están de acordo», apunta.

A presidenta sinala que tanto desde o Concello, que é propietario da contorna de Bonaval e o propio convento, como desde o Arcebispado, titular do templo, amosáronlle a súa dispoñibilidade para buscar unha solución para que o espazo teña a relevancia acorde co seu simbolismo.

Losada salienta que son moitas as institucións interesadas en que se regule o espazo. As súas verbas corrobóraas o presidente da Fundación Rosalía: «Levamos demasiado tempo coa cuestión parada e vai sendo hora de darlle solución». Angueira engade que o feito de que a igrexa pertenza ao Arcebispado non ten que ser un problema, «outras propiedades eclesiásticas son perfectamente accesibles». Desde a Fundación Castelao, encabezada por Miguel Anxo Seixas, tamén lle pediron en decembro ao presidente do Parlamento a dignificación do panteón lembrando que no 2024 cúmprense 40 anos da chegada dos restos de Castelao.