A nova xeración do audiovisual galego sabe de onde vén: nace Memoria e Cinema, que impulsará proxectos de memoria histórica

Andrés Vázquez Martínez
Andrés Vázquez SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Laura Piñeiro, Bruno Arias, Maite Martínez, Bea Villar, a directora do MICE Ana Estévez Lavandeira, Fran Rodríguez e Coral Piñeiro, na presentación de Memoria e Cinema.
Laura Piñeiro, Bruno Arias, Maite Martínez, Bea Villar, a directora do MICE Ana Estévez Lavandeira, Fran Rodríguez e Coral Piñeiro, na presentación de Memoria e Cinema. XOAN A. SOLER

A asociación pretende ser unha casa común para todos aqueles cineastas e profesionais do audiovisual con preocupacións antifranquistas e democráticas

22 mar 2023 . Actualizado a las 14:24 h.

A sesión final da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) de Galicia deste ano, no Museo do Pobo Galego, foi tomada polas novas xeracións do ramo audiovisual. Encarnadas en Coral e Laura Piñeiro, Maite Martínez, Fran Rodríguez Casal, Clara Miñán, Beatriz Villar e Bruno Arias, demostraron o seu compromiso coa memoria histórica e a loita antifranquista presentando a asociación Memoria e Cinema.

O seu propósito non é outro que xuntar nunha mesma estrutura a todo integrante do sector que se mova na dirección da defensa da democracia. «Pretendemos sumar a todo aquel que teña unha idea, un proxecto ou o simple compromiso», destacou Maite Martínez, unha das impulsoras, de tan só 25 anos. Chama a atención ademais que sexa a máis maior.

Laura y Coral Piñeiro, integrantes de la asociación, durante el rodaje de su documental «Dores».
Laura y Coral Piñeiro, integrantes de la asociación, durante el rodaje de su documental «Dores».

Con esta base, a asociación pretende ser un paraugas tamén económico para quen teña un proxecto, «dende un podcast ata unha exposición, pasando por suposto por un filme, pois neste caso prima o fondo máis que a forma», en palabras de Coral Piñeiro. O acceso a axudas é máis doado se se piden como asociación, polo que Memoria e Cinema pode ser unha boa ferramenta para moitos creadores emerxentes.

«Pero non é só unha cuestión monetaria, pois nós xa estamos desenvolvendo proxectos educativos pola nosa conta, como unha unidade didáctica que acompaña o documental Dores, pensada para expoñer en centros educativos», sinalou o fotógrafo Fran Rodríguez Casal, outro dos integrantes de Memoria e Cinema, durante a súa presentación.

O acto estivo acompañado musicalmente pola compositora e cantante Su Garrido Pombo. O seu estilo músical abrangue diversos xéneros con matices de bossa, folk, ou jazz, pero o que se desprende de todas as súas cancións é un forte compromiso con ideas como as que quere transmitir Memoria e Cinema. «Supón un gran exemplo para demostrar o que queremos facer: se a música é unha ferramenta artística para loitar polos compromisos que defendemos, tamén é máis que benvida na asociación, na liña co que comentabamos antes», engadiu, falando sobre a compositora, Fran Rodríguez.

Fran Rodríguez, fotógrafo e integrante tamén da asociación. O pasado verán estivo coa súa mostra «Da túa man para a miña» na Zona C da praza de Cervantes.
Fran Rodríguez, fotógrafo e integrante tamén da asociación. O pasado verán estivo coa súa mostra «Da túa man para a miña» na Zona C da praza de Cervantes. Sandra Alonso

Os seus documentais, a mellor carta de presentación

Dores, ese documental que educa nos colexios galegos, foi un dos filmes proxectados neste bautismo da asociación no Museo do Pobo. «En realidade, foi a primeira pedra, pois naceu antes de todo isto e, grazas á boa crítica que tivo, decidimos seguir adiante», apunta Laura Piñeiro, impulsora de Memoria e Cinema e montadora deste documental que fixo xunto a Coral, Maite Martínez e Clara Miñán.

Dores repasa a historia dos campos de concentración franquistas en Galicia, «moi pouco coñecida e que foi o xeito de facer a guerra por parte do bando golpista na nosa terra», baixo o punto de vista da directora, Coral Piñeiro. Cando se proxectou, deixou muda á sala, prácticamente chea para asistir aos actos de presentación. O equipo quixo destacar tamén o papel das mulleres durante eses anos no faladoiro posterior á proxección

Estivo acompañado por Na pel da memoria, documental impulsado pola Deputación de Pontevedra e froito do traballo tamén das irmás Piñeiro. Pretende poñer en valor, no seu centenario, a figura de Mariví Villaverde, loitadora pola cultura galega dende o exilio. Foi introducido por Bruno Arias, director de cine e sobriño da homenaxeada nas Letras Galegas 2021, Xela Arias. Con tino, comentou durante a súa presentación: «Hoxe cando viña no tren, lendo sobre a moción de censura, vin que relativizaban sobre a Guerra Civil. Parece mentira que sigamos niso, pero estes documentais son máis necesarios ca nunca precisamente por cousas coma estas».