«Tolyatti á deriva», mellor filme na 18.ª Mostra Internacional de Cine Etnográfico

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Fotograma do filme «Tolyatti á deriva». Á dereita, Laura Sisteró, directora da película.
Fotograma do filme «Tolyatti á deriva». Á dereita, Laura Sisteró, directora da película.

O festival promovido polo Museo do Pobo Galego concédelle o premio á mellor película galega a «Al otro lado del mar», unha longametraxe documental dirixida por Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez

19 mar 2023 . Actualizado a las 19:36 h.

O filme Tolyatti Adrift [Tolyatti á deriva], de Laura Sisteró (Barcelona, 1986) alzouse este domingo co premio MICE ao mellor filme na sección internacional, segundo decidiu o xurado da 18.ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico promovida polo Museo do Pobo Galego, que lle concedeu a máxima distinción, dotada con mil euros e trofeo.

A cinta, producida por Boogaloo Films e distribuída por Begin Again Films, detalla a MICE, é un traballo documental sobre o antigo símbolo do orgullo socialista, a cidade rusa de Tolyatti, convertida hoxe no Detroit ruso. O fallo valorou o seu tratamento «a través dunha mocidade sen perspectivas de futuro en constante confrontación coa vida dos seus maiores, unha situación extrapolable a case calquera lugar do mundo». Tamén, o uso da cámara «cunha proximidade que se achega case de forma íntima á cotidianidade dos protagonistas», e o equilibrio na montaxe mesturando imaxes de arquivo e actuais.

O premio MICE ao mellor filme galego foi para Al otro lado del mar, longametraxe documental dirixida polo cineasta pontevedrés Eloy Domínguez Serén e o americano Samuel Moreno Álvarez na que os dous cineastas e amigos comparten aspectos das súas vidas e traballos en Galicia e Colombia. O xurado subliñou o feito de que «se adentre nun xénero tan pouco visitado como é a vídeo correspondencia». Estas cartas filmadas «recollen historias persoais, memorias afectivas, unha viaxe por planos con diferentes épocas de rodaxe, diferentes culturas, contextos e épocas sociais, filmadas ademais nun momento histórico moi concreto», que fan que sexa doado sentirse reflexado nas palabras, planos e sentimentos dos directores.

Dúas imaxes do filme epistolar «Al otro lado del mar»: á esquerda, de Samuel Moreno Álvarez; á dereita, de Eloy Domínguez Serén.
Dúas imaxes do filme epistolar «Al otro lado del mar»: á esquerda, de Samuel Moreno Álvarez; á dereita, de Eloy Domínguez Serén.

Entregou o premio, dotado con 800 euros e trofeo, Xosé Penas Corral, responsable de patrimonio da Deputación da Coruña. Os realizadores agradeceron o galardón e o agasallo que supuxo volver reencontrarse por segunda vez en tres anos, e facelo en Galicia grazas á MICE. 

O xurado da sección oficial da 18.ª MICE estivo formado pola cineasta e artista Tania Dinís; polo educador, director e guionista Xoan Escudero e pola politóloga, xestora cultural e técnica de igualdade especialista en políticas do coidado con enfoque de xénero Sabela Losada.  

En canto ao premio Agantro á excelencia antropolóxica, dotado con 500 euros e trofeo, entregado por Luzía Oca, presidenta da Asociación Galega de Antropoloxía, recaeu en Detached, un traballo cun gran dinamismo no que se «dá conta da heteroxeneidade interna da comunidade chuckchi, desde a minuciosa narración de feitos cotiáns ata a elaboración de diagnoses e reflexións existenciais de alto calado para escoller as voces chukchi».

Fotograma do filme «Detached».
Fotograma do filme «Detached».

O xurado valorou ademais que a película -dirixida por Vladimir Krivov, e que se fundamenta nun monólogo dun home chukchi e de toda a súa etnia- abra unha serie de interrogantes de carácter global, como a posibilidade de imaxinar dinámicas modernizadoras alén do aniquilamento de formas de vida tradicionais, ou a oportunidade de abordar fenómenos como cambio climático desde a experiencia indíxena. 

A actriz, antropóloga e arqueóloga Paula Ballesteros; o antropólogo da universidade Austral de Chile Pablo Rojas-Bahamonde; e a xestora cultural e representante da asociación Sabela Losada integraron o xurado Agantro.

Fotograma da curta de Diana Toucedo «Tatuado nos ollos levamos o pouso».
Fotograma da curta de Diana Toucedo «Tatuado nos ollos levamos o pouso».

O premio CREA, dotado con 200 euros e trofeo, que outorga a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización foi para o filme Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo. Unha curtametraxe sobre as mariscadoras dunha vila galega do sur de Galicia que cada día de marea se afanan por sementar, cavar e coidar o umbral entre a auga do mar e a area. «Unha nova conciencia colectiva emerxe nestas mulleres -detalla a produtora-, intuindo así que non somente realizan un traballo artesanal senón que son unha rede de afectos que transforma o mundo que habitan».

O premio do Público, que entregou a responsable de cultura do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, foi para o filme galego Malgrat, de Santi Teijelo, quen agradeceu o galardón dun festival que «está sempre marcado» no seu calendario. 

Fotograma de «Malgrat», de Santi Teijelo.
Fotograma de «Malgrat», de Santi Teijelo.

O acto de entrega de premios celebrouse no auditorio do Museo do Pobo Galego, conducido polo actor, músico e dramaturgo Sergio Llauger. Contou coa asistencia do representante da Deputación da Coruña Xosé Penas Corral; a concelleira de Santiago Mercedes Rosón; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Villar; e a directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira; ademais de representantes do mundo do cinema e a etnografía. 

As proxeccións da 18.ª edición da MICE remataron este domingo, pero a programación continúa. Será este luns 20 e o martes 21, co taller para público profesional De quen é a historia? Prácticas audiovisuais colaborativas e a antropología audiovisual, a cargo de  Belén Sola e Chus Domínguez, do Laboratorio de Antropología Audiovisual Experimental (LAAV), e coa presentación da Asociación Memoria e Cinema, o martes ás 19.30 horas no museo.