Martiño de Dumio, o autor best seller de autoaxuda medieval que foi confundido con Séneca: «De cotío a mentira ocúltase nunha especie de verdade»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Detalle da copia da tradución francesa medieval «Quatre vertus cardinales», conservada na Bibliothèque de Chantilly.
Detalle da copia da tradución francesa medieval «Quatre vertus cardinales», conservada na Bibliothèque de Chantilly.

Hai 1.500 anos, o bispo galego fixo unha guia de como ser un bo rei para o novato Miro. Converteuse na obra máis difundida da Idade Media e o Consello da Cultura Galega vén de traducir ao galego. Velaquí Como vivir unha vida honesta

19 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Da Galicia de hai 1.500 anos, cando aínda non se chamaba Galicia, senón Gallaecia, hai unha presada de datas e nomes, amoreados na friaxe dos datos. Poucas veces se escoitan as voces de quen comezaban a tecer a identidade galega. En non moitas ocasións hai posibilidade de ler como exercían o poder, como xestionaban as emocións e os fracasos, de que falaban. Que lles preocupaba. Pois ben, arredor do ano 570, o debate era este: a posverdade e a necesidade de informarse ben antes de emitir unha opinión; o dereito (e a necesidade) da desconexión no traballo; as consecuencias psicolóxicas de poñerse expectativas imposibles de cumprir.

Todos eses temas están recollidos no best seller dun autor galego que escribiu un tratado sobre a vida honesta que rematou converténdose nun famoso libro de autoaxuda. Nunha oda motivacional para a clase dirixente. O autor é Martiño de Dumio. O libro, Como levar unha vida honesta, escribiuno no século VI, e o Consello da Cultura Galega vén de publicar a tradución ao galego do que podería considerarse un éxito de vendas altomedieval traducido a varios idiomas.

«Este libro era unha oportunidade marabillosa para mirar o pasado cara a cara, para escoitar unha voz persoal e mergullarnos nese mundo e xerar unha certa empatía con ese lugar». Fala Manuel Gago, coordinador dunha tradución acompañada de cinco estudos que contextualizan a época sueva, na que foi escrito un tratado que di, por exemplo que «de cotío a mentira ocúltase nunha especie de verdade», se cadra unha das mellores definicións que se teñen dado da desinformación. 

Como levar unha vida honesta (ou o Libro das catro virtudes) é unha encarga. A que lle fixo o rei Miro a quen era o seu mestre, daquela recén nomeado arcebispo de Braga, para que lle ensinase como ser un bo monarca. Como tiña que educarse un príncipe. O obispo, dende logo, foi sincero, porque o tratado comeza con retranca: vén dicirlle a Miro que a el non lle fai falta semellante guía para o reinado, pero que se cadra a súa corte podería aprender unha ou dúas cousas. 

Como por exemplo «non finxas ser o que non es, nin queiras semellar máis do que es» (aplicable ao postureo das redes socias de hoxe). Tamén «non esteas a facer sempre cousas, dálle descanso á túa mente», que podería ser unha reivindicación da slow life, e «busca o que pode atoparse, aprende o que pode saberse, desexa o que podes desxar diante de todos e non te impoñas algo demasiado alto para ti», unha magnífica cita para un século, o XXI, mergullado en expectativas imposibles. 

Martiño de Dumio era nese momento a máxima autoridade relixiosa da Gallaecia, do reino suevo. Fala con esa autoridade e ao mesmo tempo de xeito moi sinxelo a un rapaz que está sendo rei. Nese falar sinxelo e nas cousas que lle di están os mesmos debates que se poden atopar hoxe abrindo o Twitter: como comportarse, como afrontar xornadas de traballo eternas, como xestionar os ataques e as ofensas... Se cadra, os gobernantes actuais tamén poderían sacar un par de consellos.

A guia de como ser rei na Gallaecia altomedieval é unha historia europea. Consérvasen 675 copias distintas do tratado de Martiño de Dumio no texto latino orixinal en pazos, en mosteiros e en bibliotecas de toda Europa. Un best seller. As primeiras copias proceden dos monxes irlandeses, que conservaron parte da cultura dun imperio que se desfacía para facerse de novo. Os consellos de Dumio, como os de Marián Rojas (ou de Iván Redondo, polo da vertente política), están presentes en Cambridge, en Oxford, en Upsala, en Austria, en Francia, no Vaticano...

«Acabou converténdose nun manual sobre como educar príncipes, as clases altas», explica Gago. Se cadra, unha das diferenzas da Galicia de hai 1.500 anos co mundo actual é a importancia que se lle dá a autoría. Porque a de Martiño de Dumio foise esluíndo pouco a pouco ata o punto de que os códices comezaron a cambiar de autor e Como levar unha vida honesta foi atribuído a un gran filósofo clásico: Séneca. 

Unha rama dos códices de centroeuropa comezaron a dicir que a sabiduría contida no Libro das catro virtudes era de Séneca. Pero entón, se é posible, o tratado sobre como educar príncipes introduce un gran nome italiano, que non é Maquiavelo, senón Petrarca. 

É o gran poeta quen se decata de que ese libro que relata cales son as catro virtudes necesarias (prudencia, fortaleza, temperanza e xustiza) non é de Séneca, senón de Martiño de Braga. É no século XIV cando se remeda o erro: o libro fora escrito noutro lugar e nun tempo moi distante. 

«É, con diferencia, a obra dun autor galaico máis difundida de toda a Idade Media, e con éxito enorme», porque cando se comezou a escribir en romance, nos séculos XV e XVI, empezaron a circular traducións do texto de Martiño de Dumio. «É sorprendente que non tivera máis difusión aquí», di Gago. 

Porque Martiño de Dumio é coñecido, abofé, pero por outra obra, o De correctione rusticorum, un texto divertido no que o bispo bérralle á xente porque son uns pagáns que lle van rezando ás fontes e aos carballos. Un texto que encaixa coa idea da Galicia do pasado. Por iso Como levar unha vida honesta é tamén un xeito de achegar máis capas a unha época histórica que rompe tópicos: é cando Exeria viaxa ata Terra Santa e o relata e é tamén cando en Galicia se escriben dúas Historias: a de Orosio e a de Idacio, das máis importantes do final da época romana. 

Martiño de Dumio rematou por converterse nunha figura mítica. O seu día e o 20 de marzo, se cadra a súa obra definitiva: cristianizar a celebración pagá do inicio da primavera. E tamén é o fundador mítico, porque resalta Manuel Gago que non hai constancia documental, de moitos mosteiros galegos. Dicir que o seu fundador fora Martiño de Dumio era un plus, un selo de calidade: o bispo fora o que conseguira converter Gallaecia ao catolicismo, levando ao rego aos reis e aristócratas do reino suevo, que eran arrianos (unha variante herética do cristianismo).

Todos estes feitos veñen compoñer unha imaxe dunha Galicia aínda por construír que avanzaba con gran dinamismo, cun alto nivel cultural, unha Gallaecia que choca moito coa imaxe que se ten presentado da fin de era, de cando o imperio romano esvaece no mundo medieval. 

O texto de Martiño de Dumio contribúe a romper eses esquemas da confusión bárbara, primeiro porque é un texto que fala da educación dun rei, e segundo polo que di. Pola actualidade (ou eternidade) da sabiduría vital. «O rei ten os mesmos problemas ca nós», di Manuel Gago. Por exemplo, Martiño de Dumio aconsella ao rei Miro que se absteña de difundir bulos para vencer aos seus inimigos. «Ao final, fala de como a xestión do poder e o xeito de relacionarse coas persoas non cambiou nada» e iso facilita a empatía cunha Galicia de hai 1.500 anos. 

Cinco especialistas escribiron os textos que acompañan a edición bilingüe (latín-galego) de Como levar unha vida honesta, o que permite poñer no seu contexto a obra: quen era Martiño de Dumio, como era a cultura da súa época, como era un reino que se pode considerar un dos puntos de partida do que Galicia é hoxe e en que fase estamos de coñecemento sobre esa época e tamén o impacto que tivo Martiño de Dumio na cultura galega e a estraña relación que nalgúns momentos tivo a cultura galega co mundo suevo. 

«E fixéronse parte de nós», di a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, no prólogo. Un bo resumo de como os ecos de hai 1.500 anos aínda reverberan na identidade galega do novo milenio