Os Premios da Cultura Galega presumen do rexurdimento do sector

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA LUGO / LA VOZ

CULTURA

Fotografía de familia cos premiados tomada en Lugo.
Fotografía de familia cos premiados tomada en Lugo. Alberto López

Gayoso, Melania Cruz, Marica Campo, Manuel González ou Xacarandaina recibiron en Lugo o seu galardón

16 mar 2023 . Actualizado a las 12:54 h.

O «día grande da cultura galega» premiou este mércores a oito persoeiros e entidades polas súas traxectorias e o seu labor por manter e espallar o patrimonio cultural de Galicia. O acto de entrega dos Premios da Cultura Galega celebrouse en Lugo cunha clara intención de «descentralizar a comunidade», tal e como incidiu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Os representantes da Xunta enxalzaron a cultura non só como a suma das distintas disciplinas, senón tamén como un sector económico e creador de emprego que está «rexurdindo». «Estamos ante o milagre cultural galego», proclamou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

A marca artística lucense estivo presente en todo o acto, con actuacións do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, o Coro do Hospital de Lugo, os músicos Lucía Pérez a Xabier Vizcaíno, e as serigrafías da Escola Superior de Arte Ramón Falcón baseadas na obra de Din Matamoro, que se entregaron como parte do premio. A primeira figura en recibir o galardón foi Manuel González, Premio Cultura Galega da Lingua. O catedrático viu recoñecido o traballo de toda a súa vida polo idioma. «A lingua xa non está estigmatizada, pero si é preocupante o número de falantes. Precisamos un pacto pola lingua», declarou.

O seguinte foi o Premio Cultura Galega das Artes Escénicas, concedido á lucense Melania Cruz. A actriz recordou os seus inicios no auditorio Gustavo Freire da man de Darío Xohán Cabana e dende entón, e ata agora, segue soñando coa expansión e o recoñecemento do teatro. Das artes escénicas pasouse a música, ámbito onde se premiou aos Cursos Universitarios Internacionais Música en Compostela. Esta iniciativa leva 65 anos creando unha rede internacional de alumnos que gañan «unha lembranza imborrable de Galicia».

Por ir máis alá da música e abarcar toda a identidade de Galicia, a Asociación Xacarandaina recolleu, cun intenso aplauso, o galardón no ámbito de Patrimonio Cultural. A entidade leva 45 anos formando a centos de persoas que representaron a Galicia en festivais e concursos por todo o mundo. Para que poidan ser 45 anos mais, tanto os seus como os de moitas asociacións, os representantes pediron que se traballe para que o folclore sexa Ben de Interese Cultural e avogaron pola creación dun instituto que o divulgue.

Alfonso Rueda destacou no seu discurso final que a cultura galega cada vez supera máis límites e fronteiras. Pola importancia de dar a coñecer o patrimonio, concedeuse o Premio Cultura Galega á Proxección Exterior. O gañador foi o Programa Conciencia, encabezado polo científico Jorge Mira. Esta iniciativa trouxo a Galicia a máis de corenta premios Nobel. «Pero o máis importante é o que non se ve, que estas persoas falan de Galicia por todo o mundo», resaltou Mira.

A outra lucense premiada da noite foi Marica Campo. Recibiu, «con moita ledicia de facelo en Lugo», o Premio Cultura Galega das Letras. A escritora incidiu na defensa do que manterá con vida ao pobo galego: a lingua.

O Premio Cultura Galega das Artes Visuais foi concedido á investigadora María Victoria Carballo-Calero, que centrou o seu discurso na súa traxectoria en Lugo como primeira directora da Escola Ramón Falcón. O último galardón foi o Premio Cultura Galega do Audiovisual, entregado ao popular presentador de televisión Xosé Ramón Gayoso. Ademais de palabras de agradecemento ao seu equipo e aos «milleiros de persoas anónimas» que conservaron a cultura galega, tamén aproveitou para cantar o Apaga o candil.

Pechou o acto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacando que os premios recoñecen a potente creación galega en tódolos campos, nunha axeitada mestura de tradición e modernidade. «Temos esta cultura porque a íntima relación entre o artista e o país nunca se rompeu», subliñou.