Medio século de compromiso de Fuxan os Ventos, un «legado para o futuro»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

O grupo lembrou ao compañeiro recentemente falecido Ramón Díaz ao abrir a mostra en Santiago

15 mar 2023 . Actualizado a las 13:43 h.

Fuxan os Ventos percorreu Galicia en innumerables ocasións desde que o 22 de outubro de 1972 subiu ao escenario en Mondoñedo para participar no certame Cancioneiro As San Lucas de cancións inéditas. Este martes comezaba outra andaina, neste caso coa exposición que repasa ese medio século de traxectoria do grupo, Fuxan os Ventos, 50 anos de historia. 1972-2022, que recala en Santiago despois de amosarse no Vello Cárcere de Lugo desde o pasado outubro. Unha primeira parada na Sede Afundación (rúa do Vilar, 19) ata o 25 de maio no marco da súa itinerancia prevista ao longo do territorio galego.

O acto inaugural da mostra incluíu unha actuación da formación na que ante unhas seiscentas persoas interpretaron sete cancións para ofrecer un repaso desde o primeiro disco ata as últimas gravacións. Ademais, homenaxearon a un dos seus históricos compoñentes, Ramón Díaz, que faleceu recentemente. «Hoxe Fuxan os Ventos está tristeiro. Houbo un compañeiro que estivo cantando na inauguración en Lugo e que faleceu, polo que queremos dedicarlle todo isto que estamos facendo na súa lembranza. Monchiño, aí estás», afirmaba un emocionado Antón Castro, membro do grupo, na apertura da mostra.

Carteis, audios inéditos, manuscritos, vinilos, casetes, fotografías, cartas, páxinas de xornais, instrumentos... conforman a exposición que se expande por tres andares da Sede Afundación de Santiago para deixar constancia da traxectoria «dun fito cultural contemporáneo», tal e como expresou Paloma Vela, a coordinadora adxunta de cultura da entidade. Un percorrido de medio século que comeza co contexto histórico previo e esa primeira actuación en Mondoñedo á que se presentaron co nome de Folk72 —foi a raíz de gañar co tema Fuxan os ventos cando cambiaron de nome— e que conclúe co concerto de 50.º aniversario que tivo lugar na Casa de Rosalía o pasado xullo con motivo da homenaxe a Darío Xohán Cabana.

«Fuxan os Ventos é un colectivo de xente que sempre pelexou polas mesmas cuestións: o compromiso coa nosa cultura, co noso idioma e o social», salientou Antón Castro en nome dos compoñentes do grupo. Un compromiso que queda patente na mostra, por exemplo, nese primeiro contrato discográfico que asinaban. «El título y demás inscripciones propias de una portada de disco serán en idioma gallego, totalmente. Además, en la contraportada, irán los textos de las canciones en el idioma gallego», inclúe entre as cláusulas.

A mostra permite achegarse tamén á intrahistoria, a ese universo máis íntimo da formación, así como ao seu proceso creativo. Neste último apartado, poden verse, por exemplo, as letras das súas cancións enviadas para superar a censura da época a cargo do Ministerio de Información e Turismo. A titulada O corvo non foi autorizada, polo que non se editou nin cantou en directo, pero agora pódese escoitar un arquivo sonoro durante a exposición.

Tanto desde Afundación como desde o propio grupo fan unha chamada para que os escolares se acheguen a un proxecto que «quere ser un presente, é dicir, un regalo para todos e un legado que se proxecte para o futuro», concluíu a comisaria da mostra, Sabela Fraga.