O relato do roubo do Códice Calixtino chega ao teatro en feminino

Monste García SANTIAGO

CULTURA

Un momento dos ensaios iniciais da nova montaxe de Ainé
Un momento dos ensaios iniciais da nova montaxe de Ainé Aigi Boga

A peza de Ainé Producións será estreada o vindeiro día 24 de marzo no Teatro Principal

09 mar 2023 . Actualizado a las 22:12 h.

O 7 de xullo de 2011 transcendía o roubo do Códice Calixtino da Catedral de Santiago. Un ano despois, era detido o electricista Manuel Fernández Castiñeiras. Unha historia que empezou con liñas de investigación apuntando a que podía tratarse dun encargo dun coleccionista multimillonario ou dunha banda que quería colocalo no mercado negro, pero, finalmente, esta xoia do patrimonio estaba nun garaxe do Milladoiro tras ser subtraída por vinganza. Agora, a historia sobe as táboas con Códice K, a montaxe de Ainé Producións que se estreará o 24 no Teatro Principal de Santiago. Pero sobre o escenario non estarán o electricista, o xuíz, os membros da Igrexa, o responsable da investigación..., que marcaron o relato real, senón mulleres. «Cóntase desde o punto de vista feminino», resalta Tito Asorey, que xunto a Noemí Rodríguez dirixe a peza.

Deste xeito, as actrices Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón meteranse na pel das múltiples personaxes femininas que tamén estiveron nesta historia do roubo do Códice Calixtino: a muller de Manuel Fernández e outras achegadas á familia, a inspectora, monxas... «A protagonista é a inspectora que levou todo o caso. Ela vertebra toda esta comedia que ten algo de forma dos true crime, porque quixemos facer un true crime mesturado con comedia», explicou Asorey, engadindo que tamén colleron formas do teatro medieval relixioso e do auto sacramental, «que ten como unha das claves a personificación dos elementos».

«O reto dramatúrxico era facelo desde o punto de vista feminino. Mulleres si que había e nós trouxémolas aquí», manifestou Manuel Cortés, autor do texto, incidindo en que na peza se conxugan a comedia e o thriller para ofrecer un reflexo da sociedade galega: «O que podía ser un fito histórico dentro do roubo de arte, tipo do Van Gogh, aquí acabou sendo algo que se perdeu e apareceu nun garaxe». Precisamente, o director Tito Asorey engadiu que o roubo do Códice é «unha boa metáfora para falar do país». O resultado será unha comedia moi física, con moita retranca e que contará coa música en directo de Russ. A actriz Lucía Veiga resaltou que as catro mulleres que conforman o elenco tamén senten o texto moi seu, xa que puxeron enriba da mesa o que querían contar.

Códice K ofrecerá dúas funcións en Santiago, para a que as entradas xa están á venda. O director da Agadic, Jacobo Sutil, e o do Auditorio de Galicia, Xaquín López, auguraron o éxito da peza, que tamén terá funcións en Cerceda, Cee, Vigo e Rianxo.