Leilía: «O noso gran fito foi conseguir que todo o mundo teña unha pandeireta na casa»

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Grupo Leilía.
Grupo Leilía. Xoán A. Soler

O grupo anuncia a súa última xira despois de 34 anos de entrega á música galega

08 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Que como nos vían no 89?», di rindo Felisa Segade, unha das integrantes de Leilía. «Pois a primeira vez que nos subimos a un escenario coas nosas pandeiretas creo que a xente pensaba que viñamos do espazo», lembra sen perder o sorriso. Eran tempos de recollidas nas aldeas para preservar todo aquel patrimonio musical oral galego, transmitido de xeración en xeración e que carecía de rexistro documental. Daquelas sementes, os froitos actuais nos que, máis alá do folk, «a música galega en xeral mira moito máis ás raíces que cando empezamos», apunta Montse Rivera. É outra das voces do grupo que completan Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Patricia Segade e Mercedes Rodríguez.

As seis vivirán neste 2023 o seu último ano como Leilía. O anunciaban o pasado fin de semana na súa actuación na Festa do Queixo de Arzúa: retíranse dos escenarios definitivamente coa súa derradeira xira. «A idea da despedida xa estaba pensada para os 30 anos —explica Montse—. Pero entrou a pandemia e todo se aprazou. Tivemos que esperar. Pero non é algo que sexa unha arroutada de agora, senón que estaba moi meditado». O motivo? «Todo ten un principio e un fin. Este é un fin de ciclo», expón.

Nesta estación final o ambiente musical galego é radicalmente diferente. As cantareiras miran ao festival de Eurovisión e as pandeiretas mestúrase con beats electrónicos. «Hoxe podes atopar esas raíces no rock, no jazz, na electrónica... Calquera música ten un ollo na raíz», apunta Montse. E daquela escena na que semellaban vir dun planeta distante, a este presente: «Agora mesmo a pandeireta é un símbolo de identidade —subliña Felisa—. Cando empezamos se vinculaba a grupos folclóricos e un mundo moi reducido. Hoxe ocorre ao contrario e é un mundo moi estendido. O noso gran fito como Leilía foi conseguir que todo o mundo teña unha pandeireta na casa. Cando empezamos este era un mundo descoñecido para case toda Galicia. Hoxe é un mundo identitario. A ninguén se lle ocorre rir porque soe unha gaita. Non hai desprezo. O que hai é moito orgullo».

Carácter pioneiro

Con ese mesmo orgullo lembra Felisa que «Leilía foi a primeira formación que subiu unhas pandeireteiras a un escenario». Dende entonces recolleron todas esas músicas populares que estaba a piques de esmorecer. Fixeron unha infinidade de concertos. Gravaron varios álbums: Leilía (1994), I é verdade, i é mentira (1998), Madama (2003), Son de Leilía 2005) e Consentimento (2011). E colaboraron con todo tipo de artistas, como é o caso de Milladoiro, Bleizi-Ruz e Xosé Maunel Budiño. De feito, o gaiteiro de Moaña vén de estrear estes días Branca vela, peza na que tamén interveñen elas.

A todo ese currículo sumarase agora unha xira final. Leva o título de Vidas cantadas. Para elas trátase dunha mirada moi especial. Explícao Felisa: «É retomar os temas cos que Leilía iniciou a súa carreira alá polo 89 e cantalos e tocalos co espírito de hoxe en día». Esas cancións pertencen a unha maqueta que nunca foi editada. Xoán Porto, que traballa con elas dende 1998, fará novos arranxos coa intención de actualizar o son á realidade do grupo. Poderanse escoitar nos concertos do próximo verán. Logo, xa no inverno, farase «unha despedida máis especial en catro ou cinco lugares».

Nesas actuacións o recibimento será moi diferente ao que tiñan nos primeiros noventa. Lembran o ocorrido no festival Cidade Vella, cando ninguén as coñecía. «Iamos cara o palco coas nosas pandeiretas, o noso gaiteiro e a nosa roupa tradicional. E escoitabas no público: “Ahg, gaitas!”. Ao baixar do escenario vías a xente chorando. Un home díxonos que a súa avoa lle contaba cousas que nunca entendera e nós, ao explicar de onde viñan as pezas, faciamos que o entendera todo Ese día houbo un antes e un despois co que pasou coa música de pandeireteiras neste país», conclúe Felisa.