A mostra de cinema etnográfico MICE olla a «rururbanía» con 37 filmes, cunha estrea absoluta e tres europeas

Miriam García
M. G. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Detalle do filme de Antonio Román «Canto de emigración (Romance en imágenes sobre motivos gallegos» (1934), reconstruído por Pepe Coira.
Detalle do filme de Antonio Román «Canto de emigración (Romance en imágenes sobre motivos gallegos» (1934), reconstruído por Pepe Coira.

A sección non competitiva Impropias está dedicada as realizadoras mulleres e comisariada por Ainhoa Rodríguez, directora de «Destello bravío»

07 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), impulsada polo Museo do Pobo Galego, celebrará a súa maioría de idade do 15 ao 21 de marzo en Santiago programando 37 filmes, entre os que destacan a estrea absoluta de Malgrat, do galego Santiago Teijelo, así como a proxección por primeira vez en Europa de tres traballos —o francés Porte de Clichy, de Sébastien Marziniak; Las colonias, do mexicano Luis Lazalde; e o documental arxentino I nostri giorni, de Gisela Peláez—. Todos estes títulos competirán na sección oficial xunto a outros sete por alzarse co premio á mellor película nesta edición que ten como eixe central a análise da rururbanía.

A carteleira de once traballos que participarán na sección competitiva complétana Detached, de Vladimir Krivov (Rusia), que se poderá ver por primeira vez en España; así como o filme ecuatoriano La primera puerta, do Colectivo Súper Cuy; o italiano Aylesbury Estate, de Carlotta Berti; e o filme español Tolyatti Adrift, de Laura Sisteró. Tamén pugnarán por levarse o premio catro filmes galegos. A Malgrat uniránselle Al otro lado del mar, do cineasta de Meaño Eloy Domínguez Serén e o colombiano Samuel Moreno Álvarez; e as curtametraxes Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo; e A festa do emigrante, de Sara Traba. «Recibimos centos de obras de todo o mundo. Cremos que é un síntoma da consolidación da MICE no circuíto de festivais», resaltou a directora da cita, Ana Estévez.

Entre os alicientes desta edición sobresae a sesión inaugural na que se dan a man o audiovisual e a música coa reconstrución que o cineasta Pepe Coira fixo do desaparecido filme de Antonio Román (Ourense, 1911-Madrid, 1989) Canto de emigración a partir dos materiais que se conservan del: o seu guión, unha serie de fotografías da rodaxe e a partitura orixinal escrita polo compositor e violinista Teódulo R. Páramos (Tui, 1905-Vigo, 1970), que interpretará en directo, sincronizada coa proxección, a Orquestra Clásica de Vigo. «Quixemos celebrar os 18 anos cunha proposta especial que a remarcara e recuperar o ton do 2019, que se viu interrompido pola pandemia», lembrou Estévez.

 No festival tamén teñen continuidade as seccións non competitivas, como Impropias, que está dedicada ao cinema etnográfico realizado por mulleres, que nesta ocasión comisaría a cineasta Ainhoa Rodríguez, directora da premiada Destello bravío; así como Trazas, en colaboración co Cineclube de Compostela, e Lindes, co Festival Internacional de Documentário de Melgaço como festival convidado. Toda a programación da MICE é gratuíta e desenvolverase no Museo do Pobo, o Teatro Principal e a sala Numax. Tamén hai proxeccións, en liña, unha exposición, performance a cargo de Marta Valverde e programación para escolares. A presidenta do Museo do Pobo, Concha Losada, subliñou «a importancia da creación audiovisual para a reflexión antropolóxica». Na presentación tamén participaron representantes do Concello de Santiago, a Agadic e a Deputación da Coruña, que colaboran coa MICE.