O festival Respira! celebra o día mundial da poesía co respecto á natureza como eixe

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A escritora Helena Villar.
A escritora Helena Villar. Carmela Queijeiro

A lectura do manifesto redactado por Claudio Rodríguez Fer abrirá a xornada maior, o 21 de marzo, deste encontro que acolle Santiago

06 mar 2023 . Actualizado a las 22:12 h.

O festival Alguén Que Respira! enfronta a celebración do Día Mundial da Poesía —o próximo martes 21 marzo— cun programa centrado no respecto á natureza, no coidado do medio ambiente. O proxecto, nado en Compostela e que alcanza a súa sexta edición, comporta catro xornadas de recitais, música e debate ao redor do lema «Ecopoesía contra o cambio climático» e contará con nomes de primeira orde, como Jorge Riechmann, María Grandío, Amorante, Joseba Sarrionandia, Isaac Xubín e un longo etcétera. O aperitivo desta cita terá lugar o día 18 no café ambigú do Teatro Principal, onde a escritora sevillana afincada en Granada Rosa Berbel (Estepa, 1997) e a filóloga e profesora da USC María Xosé Nogueira (Berres, A Estrada, 1968) fixarán o marco teórico nun faladoiro sobre a ecopoesía, un ámbito na que Nogueira realizou importantes achegas sobre a súa recepción en Galicia —precisamente, Berbel traballa nunha tese sobre este xénero en alza.

A inauguración virá un día despois da man dun clásico da filosofía moral e da poesía española, Jorge Riechmann, referente do ecoloxismo social. Canda el, no escenario, estarán Rosa Berbel, a escritora emerxente da nova poesía galega María Grandío e o músico vasco Amorante, nome artístico de Iban Urizar que provén da unión dos seus queridos Rodrigo Amarante, figura do folk rock brasileiro, e o xenial cantaor flamenco Enrique Morente. Como no seu caso, música popular, poesía e innovación van unidas.

Na terceira xornada, xunto ao poeta irlandés Keith Payne, que coñece ben Galicia e que presentará unhas composicións sobre o rol do lugar na ecoloxía humana, estarán Carlos Solla, referente da ecopoesía galega, e o poeta andaluz Antonio Orihuela. Jansky (dúo integrado por Laia Malo e Jaume Reus) amosará a súa forma de «exploración onírica» a través dunha música electrónica construída a partir de sons de insectos gravados en Mallorca. O seu álbum Insecta Dance Music pon en valor o mundo animal.

O día 20 xirará ao redor da figura vasca Joseba Sarrionandia, que recitará os seus propios poemas, sobre os que tamén traballaron o seu tradutor ao galego, Isaac Xubín, e o cantautor Ruper Ordorika, que crearon un espectáculo inédito en Galicia. O dúo Versofonía porá sobre as táboas os versos de Lady Alpaca (Mercedes Martínez Modroño), inqueda activista da Ribeira Sacra.

No día grande, o 21, lerase o manifesto redactado por Claudio Rodríguez Fer. Xa pola tarde, 18 poetas galegos participan no percorrido da ecopoesía, entre eles, Helena Villar, Manuel Rivas, Arancha Nogueira, Xavier Rodríguez Baixeras e Tamara Andrés. Tamén estarán os gañadores do premio Respira! para fomentar a poesía entre os estudantes. Pechan a cita as músicas do dúo Clo Plas (Berio Molina e Xiana Arias), mestura de vangarda e tradición.