Galicia a través de cincuenta espellos

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

Unha mostra no Gaiás recompila a pegada galega na cultura universal: dende o capador que rematou nun disco de Miles Davis ata as impresión de Albert Einstein sobre os solpores de Vigo

06 mar 2023 . Actualizado a las 22:49 h.

Albert Einstein sae á cuberta do Cap Polonio e os seus ollos, como un espello, reflicten o perfil das Cíes. Era 9 de agosto de 1925. O mesmo sol do que fixo un pequeno apuntamento no seu diario quen formulou a teoría da relatividade —«Cores resplandecentes e posta de sol inesquecible en Vigo. O sol do sur é embriagador [...]»— bailaba no ronsel que deixaba o Alcántara ao atracar nese mesmo porto 24 días despois do golpe de Estado franquista. Pasaran once anos e o buque británico levaba na súa barriga a Stefan Zweig, que escribía no seu diario: «Contemplo e fotografo pesados camións cheos de soldados con cascos de combate que parten á fronte e parecen tan inofensivos como os da nosa Heimwehr e, polo que me contan, respectan rigorosamente a hora da sesta durante o combate». Na súa caligrafía estaba a impronta dunha premonición do que estaba a piques de acontecer en Europa.

Zweig esborranchaba os seus primeiros pasos polo alzamento fascista só oito días antes de que nas mans de Federico García Lorca deixaran de escintilar, aniquiladas pola represión franquista, as pingas dun Santiago lonxe do sol. «Permitídeme pensar que pola influencia de Rosalía, Lorca decide ser poeta». A figura de Antón Reixa atopa eco nun enorme vidro e, mentres avanza, semella que por un intre a poeta aparece a carón de dúas rapazas que George Chevalier fotografou a cor en 1917.

Dicía Gabriel García Márquez que Galicia estaba en todo canto escribía, porque galego era o xeito mesmo de contar as súas historias e os seus ollos, nas fotografías, reflicten a mesma auga que outro nobel, Santiago Ramón y Cajal, certificaba no balneario de Cabreiroá, en Verín. A mesma que enchía o Miño nunha viaxe en tren de Julio Cortázar: «Pegado a las ventanillas, no podía creer que eso fuera verdad. Comprendí de golpe la poesía galaico-portuguesa». A mesma que pasou varias semanas sen aparecer cando no 2000, a realizadora Isabel Coixet veu gravar unha curta sobre a chuvia en Compostela.

As imaxes, a través do espello, sempre son iguais, pero un chisco distintas. Antón Reixa e Xosé Luís García Canido toman prestada a descrición de Peter Handke da Coruña e Vigo como cidades detrás do espello para compoñer un enorme retrato, Detrás do espello, a través de 300 teselas, anaquiños escintilantes das olladas de 50 nomes que chegaron á fin do mundo que namorou a Stephen Hawking —ten algo de poético que o gran investigador de buracos negros quedara pampo ante o confín da terra— e que incorporaron un pouco de Galicia á súa obra.

Graham Greene tamén rematou seducido polo mosteiro de Oseira, e nas súas estancias escribiu Monsignor Quixote. Ruth Matilda Anderson pisou por vez primeira Galicia nos anos 20. «Iso é algo que teñen en común moitos destes autores: logo volven. E tamén achegan cousas que se integran ao noso patrimonio cultural», argúe Reixa mentres camiña pola Cidade da Cultura.

Como o anaquiño de Óscar que trouxo Mar adentro, unha película que ten unha porcentaxe nada desdeñable de escenas rodadas en lingua galega. Como o Cancioneiro popular galego que Dorothé Schubart recolleu en sete volumes en colaboración con Antón Santamarina.

José María Rodríguez, o capador que rematou nun disco de Miles Davis

José María Rodríguez era capador en Nogueira de Ramuín nos anos 50, cando o folclorista estadounidense Alan Lomax percorreu Galicia —de Fisterra a O Hío, de Ribadavia a Corcubión— para rexistrar voces coas que engordar o arquivo da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos. En Faramontaos, gravou a Rodríguez tocando co seu chifre a Alborada de Vigo. Esa mesma melodía acabaría no álbum Sketches of Spain de Miles Davis, que canda o arreglista Gil Evans colleu inspiración da música tradicional galega para The Pan Piper.

A exposición amosa por primeira vez o chifre, cedido pola familia do capador, e mais diversa documentación. Conta Reixa que a Rodríguez pagáronlle 200 pesetas, e que con elas emigrou para abrir unha tenda de fotografía da que viviría ata os seus derradeiros momentos, que pasou de novo en Galicia.

A música de Davis mestúrase coa dos Chieftains, estreitos colaboradores dun Carlos Núñez que definiu a Paddy Moloney como o irlandés máis galego do mundo. O seu Grammy está nunha vitrina canda a outra colaboración histórica: a que xuntou Mike Oldfield e a Luar na Lubre. En 1996, o músico incluíu unha versión d’O son do ar e convidou ao grupo á súa xira mundial. Luar na Lubre foi a formación que popularizou un dos Seis poemas galegos de Lorca ao musicar Chove en Santiago.