Unha exposición repasa a historia de amizade entre Cela e Picasso

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Acto con escolares para a inauguración da mostra en Padrón.
Acto con escolares para a inauguración da mostra en Padrón.

A Fundación Camilo José Cela conmemora o 50.º aniversario da morte do pintor a través dunha colección de máis de corenta pezas entre documentos, textos, obras de arte e distintos obxectos que se agasallaron

28 feb 2023 . Actualizado a las 21:30 h.

A Fundación Camilo José Cela conmemora o 50.º aniversario da morte do pintor cunha mostra que repasa a historia de amizade entre Cela e Picasso a través dunha colección de máis de corenta pezas entre documentos, textos, obras de arte e distintos obxectos que se agasallaron. Inaugurada este luns, a exposición Picasso vivo. O legado picassiano de Camilo José Cela achega «unha visión pouco habitual da gran creatividade dos dous autores e unha oportunidade de coñecer as intimidades que ambos compartían», explicou este luns no acto de inauguración o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

O visitante poderá ver un total de 41 pezas que Picasso deseñou con Cela ou para Cela, entre documentos, edicións, pinturas, textos, obras de arte, fotografías ou distintos utensilios que se agasallaron entre eles como unha pintoresca botella de anís asinada polo pintor, e que proceden dos fondos da fundación.

O proxecto inclúe distintas obras da autoría de Picasso coa colaboración de Cela como Dibujos y escritos, algúns obxectos que se conservan da obra de Cela relacionada con Picasso, así como as primeiras probas e manuscritos de Gavilla de fábulas sin amor, que se acompañaron na edición impresa con 32 debuxos orixinais de Picasso, tres dos cales se conservan na pinacoteca da fundación. No acto de inauguración estiveron presentes alumnos de 5.º de primaria do colexio CEIP Plurilingüe de Portonovo que participaron nunha visita guiada.

Programación conmemorativa

A exposición, que poderá visitarse ata o 31 de maio, súmase ás iniciativas que pon en marcha a Xunta este ano para conmemorar o 50.º aniversario da morte do xenio malegueño. De feito, a fundación conta cun valioso legado de Picasso entre os seus fondos do que cede seis pezas para Picasso. Branco no recordo azul, a gran exposición que reivindicará no Museo de Belas Artes da Coruña a pegada galega na traxectoria do artista a través dunha escolma de 120 pezas, moitas delas representativas do seu período de formación na Coruña, pero tamén da súa etapa de madurez e consagración.

Trátase da única proposta galega que se enmarca na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023, impulsada polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, que conta con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España.

Entre as pezas que cede en préstamo a fundación para a mostra no Museo de Belas Artes inclúense tres cadros de Picasso, unha fotografía e exemplares de Trozo de piel, con texto do pintor malagueño e ilustracións de Camilo José Cela.