Os xestores culturais destacan o Xacobeo, Tanxugueiras e O Son do Camiño no ano 2022

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Duki en O Son do Camiño, un dos eventos do Xacobeo
Duki en O Son do Camiño, un dos eventos do Xacobeo Sandra Alonso

O adianto do Barómetro da Cultura Galega tamén valora o filme «As bestas»

28 feb 2023 . Actualizado a las 14:57 h.

O Xacobeo e a música foron os principais protagonistas culturais de Galicia do ano 2022. Dino os axentes culturais da comunidade autónoma nunha enquisa feita entre o 10 de xaneiro e o 7 de febreiro de 2023 para o Barómetro da cultura galega de 2022. Os datos obtidos serven agora de adianto da radiografía completa que do sector cultural fai anualmente o Consello da Cultura Galega.

Conforme a eses indicadores, os tres principais fitos do ano pasado foron a programación cultural xeral do Xacobeo (sinalada por un 22,3 % das 895 persoas preguntadas), a actuación das Tanxugueiras no Benidorm Fest (21,1 %) e os concertos do festival Son do Camiño no monte do Gozo de Santiago (10,4 %). Ademais diso, os festivais musicais vistos como un bloque xenérico ocupan o quinto posto do ranking (5,5 %). De maneira concreta, cítanse eventos como o Resurrection Fest (2 %), o Festival Sinsal (1 %), o Festival da Luz (0,8 %) e o Festival do Mundo Celta de Ortigueira (0,8 %).

Seguindo no ámbito musical, institucións como a Orquestra Sinfónica de Galicia (1,3 %) e a Real Filharmonía  de Galicia (0,9 %) teñen o seu reflexo no informe. En canto a artistas, ademais de Tanxugueiras, tamén se mencionan nomes de referencia na música popular como Sés (1 %), Baiuca (0,6 %), Xabier Díaz (0,4 %) e Carlos Núñez (0,4 %).

Referentes do cinema

O sétimo arte segue en importancia ao Xacobeo e a música. Pese a non ser una produción galega, entra polas súas conexións e parte dos seus actores neste resumo a película As bestas, de Rodrigo Sorogoyen. Sitúase en cuarto posto. Foi apuntada polo 5,6 % das persoas entrevistadas. Cabe citar que a enquisa foi previa á celebración dos Goya, certame no que o filme triunfou. Iso podería variar a percepción que se ten dela e mellorar o seu posto. Xunto a iso, o concepto «visibilidade do audiovisual galego» encóntrase no sexto lugar da táboa. Aparecen aí actores como Luís Tosar (1 %) e Carlos Blanco (0,3 %); os filmes O que arde (0,7 %) e O corpo aberto (0,6 %), á curtametraxe Esliva (0,4 %) e a serie Rapa (0,4 %). Tamén hai oco para eventos do sector, como os Premios Mestre Mateo (2,2 %), Cineuropa (0,9 %) ou o Festival de Cans (0,7 %).

No eido literario, a figura mais destacada na enquisa é Marilar Aleixandre, gañadora do Premio Nacional de Narrativa do 2022 (1,6 %). Igualmente, aparecen na listaxe David Rubín e o seu cómic El Fuego (0,6%), Domingo Villar (0,4%) e Ledicia Costas xunto a Manuel Rivas (ambos con 0,3 %). Respecto a eventos, destacan o Día das Letras Galegas (2,3 %), as feiras do libro (0,7%) e o Festival do Cómic Viñetas dende o Atlántico (0,4%). No teatro sobresae o grupo Chévere coa súa obra N.E.V.E.R.M.O.R.E. (1,7 %); o Centro Dramático Galego (0,9 %); o Festival Internacional Outono Teatro - FIOT Carballo (0,4 %) e a compañía Voadora (0,3%).

Exposicións

As mostras sobre Peter Lindbergh (1,8 %), Laxeiro (0,7 %) e Francisco Leiro (0,6 %) tamén teñen a súa importancia nesta fotografía da cultura dun ano. O mesmo que as obras de restauración da catedral de Santiago (0,4 %). Nas entidades destacan os actos celebrados na Cidade da Cultura (2,3 %). Despois, a Rede Cultural da Deputación da Coruña (1 %), a Xunta de Galicia e os seus organismos culturais (0,8 %), o Consello da Cultura Galega (0,6 %), a Rede Galega de Teatros e Auditorios da Agadic (0,6 %) e a programación da Deputación de Pontevedra (0,4 %). Igualmente, destaca a feira Culturgal (2,2 %).

Noutro ámbito figura o espazo de divulgación da TVG Dígocho eu (0,4 %); todos os actos de celebración do centenario de María Casares (0,4 %); a iluminación de Nadal de Vigo (0,6 %), ou Encontro Mundial de Humorismo na Coruña (0,3 %).