Máis dun cento de actividades festexan a Fernández del Riego nas Letras Galegas

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, nunha imaxe de arquivo
O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, nunha imaxe de arquivo

A 60.ª edición desta celebración rende homenaxe ao autor de Lourenzá

25 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«É un acto de xustiza». As Letras Galegas lembran este ano a Francisco Fernández del Riego, quen con Gómez Román e Ferro Couselo impulsaron a iniciativa para establecer unha xornada que permitise atesourar e recoñecer a todos os que contribuíron a enriquecer a lingua galega. Por iso o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, insistiu nesta xustiza no acto de presentación da programación das Letras Galegas 2023, que chegan este ano á súa 60 edición rendendo homenaxe ao tradutor, novelista, historiados, xornalista, ensaísta e editor de Lourenzá.

Serán máis dun cento de actividades impulsadas pola Xunta, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega e a CRTVG en colaboración co Concello de Lourenzá e coa Mesa Coordinadora D. Paco, así como con editoriais galegas e entidades e empresas de distintos sectores. Todas as actividades se van a desenvolver ao longo deste 2023 aínda que loxicamente o Día das Letras, o 17 de maio, concentrará unha parte importante das mesmas.

Na presentación deste amplo abano de actividades participou tamén o presidente da RAG —a Academia é a institución que toma a decisión do homenaxeado elixido en cada Día das Letras— Víctor Freixanes, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez ou a alcaldesa de Lourenzá e presidenta da Mesa D. Paco, Rocío López. Será unha programación transversal e de distintos ámbitos: literario, deportivo, musical, escénico, académico e escolar. Por exemplo, haberá unha mostra itinerante, Cos ollos do espírito, promovida pola Xunta en colaboración da Editorial Galaxia e da Fundación Penzol, das que o homenaxeado foi director. A esta exposición súmanse outras como as gañadoras do concurso exposición Letras Galegas 2023. Haberá accións para toda a cidadanía: lecturas públicas, o concurso de mensaxes de amos en galego Lingua de namorar ou a tradicional carreira Camiño das Letras.

Os Bolechas para os pequenos

Tamén haberá espectáculo. Teatral. Da man da compañía Fantoches Baj e Ramón Sanfiz, que presenta A viaxe feliz. Actuacións musicais como unha nova edición do festival Festiletras, en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal, obradoiros no Gaiás e nas bibliotecas públicas ou especiais na compañía pública de radio e televisión. No ámbito das publicacións como é habitual reeditaranse títulos do autor de Lourenzá, da man de Galaxia ou Xerais, e publicaranse volumes que analizan a vida e a obra de Fernández del Riego. Sen esquecer aos máis pequenos coa adaptación da traxectoria deste autor dentro da colección Letras Galegas dos Bolechas. «Desde o punto de vista educativo, os centros de ensino galegos elaboran recursos e organizan actividades como calendarios, crebacabezas, festivais ou brincaletras», adiantou Román Rodríguez.

Ademais do tradicional pleno da RAG, que terá lugar en Lourenzá o 17 de maio, a Academia tamén organiza un simposio sobre o homenaxeado e un acto literario en Vigo. Pola súa banda o Consello da Cultura elaborou unha completa programación que inclúe publicacións, mesas redondas e unha sección especial na súa páxina web con materiais sobre o escritor.

O Concello de Lourenzá terá un papel relevante nestas Letras Galegas. A Mesa Coordinadora D. Paco inclúe dentro das súas actividades visitas guiadas sobre o homenaxeado, unha ruta cultural literaria, lecturas dramatizadas ou unha representación teatral. As empresas privadas tamén querer celebrar este día, O tren que me leva é unha campaña de Renfe que busca visibilizar nos seus trens estas efemérides e como sempre cadeas como Gadisa, Vegalsa-Eroski ou a cooperativa Feiraco elaboran material especial para visibilizar a imaxe de Fernández del Riego.