Breamo, un paraíso no Eume onde Rosalía de Castro volveu a atopar a inspiración

Patricia Hermida Torrente
patricia hermida PONTEDEUME / LA VOZ

CULTURA

Imaxe actual da zona de Breamo onde se atoparía a casa con muíño onde a familia pasou ese verán.
Imaxe actual da zona de Breamo onde se atoparía a casa con muíño onde a familia pasou ese verán.

Diego Rodríguez amosa os vínculos da matriarca das letras galegas cunha zona onde se recuperou da tuberculose

25 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No verán de 1864, Rosalía de Castro atopou o seu locus amoenus en Breamo. Con nome de orixe celta, este paraíso en Pontedeume acollía á matriarca das letras galegas en plena convalecencia da tuberculose para brindarlle saúde e inspiración. Xa pasaran dous anos dende a publicación de Cantares gallegos. En maio dese 1864, Rosalía recoñecíalle por carta a Eduardo Pondal que non era capaz de escribir. E en xullo partía enferma co seu marido Manuel Murguía e a súa filla Alejandra ás terras do Eume. «Alí recuperou a inspiración xa que iría á romaría do Seixo (Mugardos) e escribiría o seu primeiro poema tras Cantares», indica o investigador Diego Rodríguez González, responsable de Cultura e Patrimonio da Fundación Barrié que explica esta tese en Follas Novas. Revista de Estudos Rosalianos.

A relación entre a poeta e O Seixo xa se amosou en 2018, pero agora confírmase o seu veraneo por motivos de saúde en Pontedeume e que foi alí onde volveu a escribir. A maiores, Murguía rescatou nesa zona romances para os seus traballos sobre o folclore galego como Mariana protagonizado polo Conde de Andrade. «Murguía escribiu en Los Lunes del Imparcial e outros xornais sobre a recuperación do folclore en 1881, e recrea o momento onde contactou con antigos cantos nunha casa cun muíño e patín en Breamo, onde escoitaba as labores do campo, os pardais e o río que leva o nome do lugar», relata Diego Rodríguez, que amosou onte na Casa de Cultura de Pontedeume esta investigación. «Non hai outro Breamo en Galicia, é un topónimo singular xa relacionado nesa época cos celtas», explica.

Rosalía de Castro con Manuel Murguía e os seus fillos.
Rosalía de Castro con Manuel Murguía e os seus fillos.

Segundo o historiador, «en 1863 Rosalía recibiría a diagnose da tuberculose, nunha carta a Pondal di que estivo ás portas da morte, en agosto de 63 iría aos baños a Caldas». E un ano despois viaxaría a Breamo, onde escribiría Festa do Seixo que se publicaría na segunda edición de Cantares. O matrimonio elixiu esa zona para aquel agosto «pola prescrición médica dos aires do mar e porque Murguía necesitaba estar cerca de Lugo, onde vivía o seu editor Soto Freire e así podía preparar a súa Historia de Galicia».

A familia xa estaría alí para asistir á romaría do Seixo do 25 de xullo e despois pasaría agosto xunto ao Eume. Para a recompilación dos romances, Alejandra actuaría de mediadora do pai: «As pezas eran cantadas e recollidas por mulleres de orixe popular». Sobre a romaría do Seixo, «aínda que se pensa que hai unha caricatura dos donos da fábrica de curtidos pode ser unha autocaricatura da propia Rosalía integrada na festa e xa recuperada». Aparece así unha poeta chea de alegría como no banquete de Conxo: «O poema do Seixo (xeolocalizado por María dos Anxos García Fonte e Henrique Sanfiz en 2018) é unha marabillosa exaltación da vida, pero ela foi perseguida polo infortunio con graves problemas de saúde e morreu nova» (aos 48 anos de cancro). Sobre a creadora aínda queda «moito por descubrir e matizar». Unha figura inesgotable da que se poden extraer outras 1.000 Rosalías, como unha xigante Matrioska.