Akal editor: cincuentenario

CULTURA

Presentación en Compostela da edición hai uns días.
Presentación en Compostela da edición hai uns días. Sandra Alonso

17 feb 2023 . Actualizado a las 04:50 h.

Non me deixo levar pola paixón se suxiro que esta editorial, sita en Madrid, constituíu, a fins da era de Franco (e algúns anos despois), un fito na historia do libro hispánico, nomeadamente do libro de perfil esquerdista e marxista. Acabo de ver —e ler— os tres álbums de guerra de Castelao —o noso Gernika e mais Milicianos— ofrecidos nunha caixa que contén, ademais, tamén en facsímile, o álbum Nós, os catro reeditados, naqueles convulsos días, por Akal, e agora prologados por Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer co gallo do cincuentenario da desacougante editorial (1972-2022): desacougante daquela e aínda hoxe, por certos libros do seu imprescindible catálogo. Ramón Akal, que se chama Ramón Acal, caeu no mapa editorial español como un okupa que perturbou, enriquecéndoa, a causa do libro cuestionador daquel tempo e que aínda segue a ofrecer títulos que moitos xulgan sub-versivos. A editorial, pois, do señor Acal, é unha cal, unha canle frutífera.

Ramón Acal, editor sen fronteiras, acolleu, xa en 1973, unha colección de libros galegos que eu titulei Arealonga, homenaxe a un topónimo marítimo lugués de acaído significado na ocasión. Dese ano é o primeiro volume da colección, o meu Informe -dramático- sobre la lengua gallega, agora no seu primeiro cincuentenario, como certos títulos de Castelao, Ramón Cabanillas, Manuel Murguía, María Victoria Moreno, Xosé Neira Vilas, Antonio Tovar, Luis Bello, José Antonio Durán, Alfonso Bozzo, Rábade Paredes...

Ao ano seguinte, inventamos unha colección de libros de peto de cor vermella, Arealonguiña, que se estreou cos Seis poemas galegos de Federico García Lorca en edición tetralingüe (galego, castelán, éuscaro, catalán). Nesa altura, xa traballaban en Akal dous lúcidos e inquedos estudantes de Xornalismo que foran alumnos do Instituto de Lugo, logo brillantes profesores e cultivadores do feito comunicativo en Compostela: Fernando Salgado e Francisco Campos. Foi Salgado quen, en 1975, coidou a edición en dous volumes da Poesía completa de Celso Emilio Ferreiro. Tamén por isto a editorial Akal, co seu aguillón crítico, foi unha festa.