Publican reunidos os facsímiles de «Nós» e os tres álbums de guerra de Castelao
CULTURA
A editorial Akal e os prologuistas inciden na vixencia absoluta das obras
10 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Nós e os álbums de guerra de Castelao —Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos— regresan nunha edición facsimilar, pero nesta ocasión publicados conxuntamente. O proxecto forma parte dos actos desenvolvidos polo 50 aniversario de Ediciones Akal, que xa nos anos 1975 e 1976 publicara por separado estas obras do intelectual galeguista, e que agora recupera nunha edición reunida prologada polos escritores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez, profesores da Universidade de Santiago.
Tanto desde a editorial como os prologuistas resaltan a vixencia destas obras. «Siguen constituyendo una denuncia muy importante. En estos momentos que tanto se habla de memoria y memoria histórica, probablemente tienen un nuevo valor», afirmou Jesús Espino, director de Edición de Akal, que onte presentou a publicación no Museo do Pobo xunto a Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer. «Castelao é un clásico do século XX, pero sigue estando vivo no século XXI porque os males que denuncia de falta de liberdade, da marxinación, das discriminacións por razóns de sexo, de raza, económicas, polo xeito de pensar distinto..., seguen presentes», profundou Carmen Blanco. Pola súa banda, Claudio Rodríguez Fer fixo énfase en que son álbums «intemporais», ademais de tratarse dunha «obra de arte de extraordinaria importancia». Salienta, así mesmo, a contribución fundamental que supoñen para «o coñecemento da arte e da historia de Galicia, da historia social e da política».
Carmen Blanco aborda no seu prólogo titulado Castelao e Nós. Álbum de artes e letras liberadoras o traballo que dera os primeiros pasos como exposición e se editou por primeira vez en Madrid en 1931, ademais de ofrecer unha visión do intelectual para deixar patente a súa gran achega en diversos eidos. «É un artista das artes e das letras», resaltou a escritora, engadindo que se trataba dun humanista que «quería dar a coñecer os problemas básicos da humanidade» con «denuncia dos males das xentes pobres, marxinados e ignorantes». Blanco tamén incide na «actitude ética» en todos os terreos de Castelao, abordando incluso cuestións de actualidade como o maltrato. Outro dos aspectos nos que fai fincapé é na importante utilización do humor por parte do rianxeiro.
Pola súa banda, en O estoupido estampado, Claudio Rodríguez Fer céntrase nos álbums de guerra poñendo o foco nesa «arte comprometida e antifascista» de Castelao. Ao respecto, o escritor lembra como os dous primeiros, Galicia mártir e Atila en Galicia, cunha estética expresionista, denuncia a represión franquista en Galicia durante a Guerra Civil. O terceiro, Milicianos, que se publicou en Estados Unidos, non trata de Galicia, senón da resistencia do pobo español contra os militares sublevados. «Estes tres álbumes, aínda que partan dunha situación histórica determinada, como foi a Guerra Civil, son universais porque valen para toda época, porque os horrores da guerra son iguais en todas partes, e por desgraza, en todas as épocas». Rodríguez Fer tamén incidiu no protagonismo que ten a muller nestes álbums.
Nós / Álbums de guerra está tendo moi boa acollida, segundo o representante de Akal, que lembrou o valor histórico e sentimental que ten para a editorial estas obras de Castelao. «Forman parte de los orígenes porque fueron de los primeros libros que editó bajo el sello Ramón Akal», afirmou Espino, lembrando que cando a mediados dos 70 os publicaron por primeira vez «Castelao no tenía el reconocimiento de hoy». Avanzou que valoran rescatar dos seus fondos máis títulos de galegos.