Cunqueiro e Otero Pedrayo

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

10 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Así se titula a monografía da profesora Patricia Arias Chachero que acaba de editar, en Mondoñedo, a Colección Selva de Esmelle, dirixida por Armando Requeixo. Neste estudo, a autora exhuma textos inéditos ou moi pouco citados cos que nos ofrece unha visión completa da relación fraterna (aínda que asimétrica) entre os dous grandes escritores, ademais de amosarnos a semellanza, nalgúns aspectos, entre o universo espiritual do polifacético escritor de Trasalba e o do fabulador de Mondoñedo. Entre os textos, recolleitos en Apéndice, figuran, á beira de dous poemas en catalán de Cunqueiro, as cartas cruzadas entre os dous escritores, ateigadas de noticias literarias reveladoras.

Por unha delas sabemos que, en xaneiro do 36, Cunqueiro pídelle un «préstamo coma o que me fixo», que don Ramón, confiado e cabaleiro, atendeu (supoño), e por outra, Cunqueiro faille saber, en 1959, que se alegra, de corazón, de que Fernández del Riego ingrese na Real Academia Galega antes ca el, aínda ignorando o dito polo Patriarca a Carballo Calero: «Cunqueiro debe ser levado [á Academia] por unha especie de aclamación conxunta da Galiza»; tal afirmación consta nunha carta que tamén ofrece Patricia Arias.

Desde agora, os biógrafos de Álvaro Cunqueiro deberían ter moi en conta unha carta súa de decembro de 1954 na que lle aconsella (sic) a don Ramón Otero Pedrayo que non ocupe a tribuna da Asociación da Prensa da Coruña. Pronunciar nesa institución unha conferencia, co inmenso prestixio de Otero Pedrayo —razoa Cunqueiro— sería tanto como arroupar moralmente ao seu presidente, Enrique Santos Bugallo, quen «ao estalar a insurreición do 18 da sega do 36, levou a cabo unha campaña antigaleguista contra

Castelao, contra vostede mesmo e contra todo o que nos era e nos é caro». A autora do libro, moi consciente da novidade e da intención destas palabras, tras reparar no «pronome átono» («nos era e nos é caro»), comenta: «Cunqueiro escribe —ou mellor, reescribe— a súa historia e faino porque o Cunqueiro daqueles anos non é totalmente alleo ó de 1936, ó que sentía no 36, e cobizaba que se soubese».