O CDG condensa a Shakespeare: catro clásicos para falar da guerra e o poder

Montse García Iglesias
Montse GArcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Detalle dos ensaios da obra do CDG sobre Shakespeare, nunha imaxe tomada este martes.
Detalle dos ensaios da obra do CDG sobre Shakespeare, nunha imaxe tomada este martes. Paco Rodríguez

As pezas da montaxe, que se estrea este xoves no Pazo de Fonseca (Santiago), teñen todas direccións distintas

08 feb 2023 . Actualizado a las 19:14 h.

«Desafío». «Valentía». «Proxecto singular». «Provocación». «Unha ocorrencia». «Era unha tolemia, parecía a obra imposible». De todos estes xeitos foi descrita Shakespeare en Roma, a nova montaxe do Centro Dramático Galego (CDG), que desde este xoves ata o 2 de abril se poderá ver en Santiago. O resultado é un espectáculo de máis de dúas horas, pero son moitos os elementos que de antemán xa amosan que se trata dunha proposta moi particular. Para empezar, reúne as catro pezas que Shakespeare ambientou no Imperio Romano —Coriolano, Xulio César, Antonio e Cleopatra e Tito Andrónico— condensadas nuns trinta minutos cada unha delas sucedéndose sen interrupción. A isto hai que engadirlle que cada un destes clásicos ten direccións distintas —Rui Madeira, María Barcala e Xúlio Lago, Sara Rey e Quico Cadaval— e cadansúa dramaturxia. E por si isto non chegara como ingredientes, está o espazo escénico: o Salón Nobre do pazo de Fonseca, a modo de dun senado romano ou do parlamento inglés, onde o público mirará a centímetros a un elenco artístico formado por oito persoas que darán vida a 47 personaxes.

«Cada unha das pezas ten unha personalidade moi marcada, tan marcada que se podería dicir que son catro pezas independentes, pero, de repente, hai dous elementos que obrigan a que todo se vertebre: Shakespeare, que é imposible escapar a el, e o espazo, xa que estás a centímetros do elenco, incluso chegas a estar en contacto físico. Ademais, a nivel temático, unha e outra vez, volves á loita polo poder, á morte e á guerra», explicou Fran Núñez, director do CDG, nun acto acompañado polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; os equipos de dirección, o elenco artístico, responsables das dramaturxias e outros membros do equipo.

Santi Alvite

Rui Madeira, á fronte de Coriolano, resaltou que o seu obxectivo é falar da situación de hoxe, da guerra. Pola súa banda, María Barcala e Xúlio Lago, que dirixen Xulio César, resaltaron o traballo do elenco. Ademais, Lago reivindicou que se representen as traxedias de de Shakespeare na súa totalidade: «Isto é un tráiler interesante, pero escaso». Pola súa banda, Sara Rey, que se encarga de Antonio e Cleopatra, detallou que a montaxe permitirá «ver de cerca e sentir o que senten os actores». A peza que pechará Shakespeare en Roma será Tito Andrónico, baixo a dirección de Quico Cadaval, que apuntou que o Salón Nobre de Fonseca é «un lugar excelente para o teatro. Shakespeare dirixíase moito ao público e aquí tamén o imos facer. Facemos teatro para que a xente saia discutindo».  

Pola súa banda, a dramaturga Ana Carreira abordou o desafío que supuxo condensar en media hora a peza de Shakespeare, no seu caso a de Xulio César: «En poucas palabras, facemos mil imaxes [...] Queremos que se recoñeza a Shakespeare e que a xente o pase ben». Na presentación da montaxe moita das gabanzas recaeron sobre o elenco artístico, conformado por Xurxo Cortázar, Sheyla Fariña, Cris Iglesias, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Fran Peleteiro, Santi Romay e Toni Salgado. «Fíxose todo con moita empatía e coidado», resaltou Sheyla Fariña.

Ata o 2 de abril serán un total de 39 funcións dunha proposta que o conselleiro, Román Rodríguez, cualificou como unha «auténtica innovación» engadindo que «é difícil innovar con obras tan asentadas como as pezas de Shakespeare. Hai que ser valentes para facerlle fronte». Unha proposta, que tal e como resaltou o reitor, Antonio López, supón achegar a cultura a novos espazos e novos públicos.

As entradas xa están á venda e, segundo apuntou Fran Núñez, o ritmo de venda está sendo moi elevado, o que amosa o interese que por esta obra hai. Tamén se repartiron 400 entradas entre estudantes da USC froito do convenio de colaboración entre ambas entidades.