Margarita Santos Zas «Vaise revelar unha faciana de Valle-Inclán descoñecida»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

A mostra que se inaugura o 9 en Santiago, con pezas do patrimonio do escritor que se exhiben por primeira vez, busca honrar «a un xenio»

06 feb 2023 . Actualizado a las 22:05 h.

Valle-Inclán íntimo, que abrirá este xoves no Colexio de Fonseca, supón a quinta exposición sobre o autor de Luces de bohemia da Universidade de Santiago. Será «a máis persoal e distinta a todas», afirma Margarita Santos Zas, directora da Cátedra Valle-Inclán e tamén comisaria desta mostra xunto a José Manuel López Vázquez e Javier del Valle-Inclán Alsina. A proposta, que conta coa colaboración de La Voz de Galicia, permitirá coñecer parte do patrimonio artístico do escritor para ofrecer unha faciana á que só tiñan acceso os máis achegados.

 

 

—Por que esta exposición de «Valle-Inclán íntimo»?

—Non é por ningunha efeméride, senón por honrar a Valle-Inclán. Paréceme que os universitarios, e os galegos en xeral, temos unha débeda con este autor. É un escritor que deu tanto, que ten tanta vinculación con Galicia, como sempre subliñou Castelao, que debe tanto ao humor galego, aos espazos galegos.... Entón, merece a nosa atención, a da nosa universidade e de todos os galegos. De feito, forma parte do imaxinario cultural noso. Está nas redes sociais na actualidade con frases de Luces de bohemia, sen que ninguén saiba que son de Valle-Inclán. Repetímolas moitas veces sen darnos conta que forman parte dun acervo cultural propio. Deste xeito, hai que valoralo con todo o que significa de achega á literatura e ao mundo intelectual do século XX. Sempre digo que Valle-Inclán non é un autor, senón unha época, porque cultiva todos os xéneros; é un home cunha necesidade extraordinaria de renovación, de orixinalidade, por iso é un autor tan absolutamente moderno. Foi unha persoa moi recoñecida na súa época e cos anos transformouse nun clásico.

 

—É a primeira vez que se amosa parte do seu patrimonio artístico e obxectos. En que medida pode axudar a comprender mellor a figura?

—Valle-Inclán era un home moi celoso da súa intimidade. Non falaba da súa familia, das cuestións persoais, por iso se dicía que tiña unha especie de máscara que o protexía, que non transmitía as auténticas emocións, senón que se amparaba na frase enxeñosa, nesa especie de personaxe estrafalario, pero intimamente non era estrafalario. Todos os que o trataron de cerca din que era un home afectuoso, agradable, cordial... Non ten nada que ver con ese Valle-Inclán público de boutade, de aparente bohemia, porque nunca foi un bohemio. Entón, [na exposición] accederemos a ese mundo de intimidade e ao patrimonio artístico que tiña na casa grazas a tres netos, que son os que cederon o material: Fernando, Miguel e Javier del Valle-Inclán Alsina. Este patrimonio achega unha faceta pouco coñecida de Valle-Inclán ao amosar o que tiña na súa casa. Vaise ver esa parte á que só tiñan acceso os íntimos. Na súa casa había moita obra, e moita dela dedicada, ao igual que libros. Todo iso vai revelar unha faciana de Valle-Inclán practicamente descoñecida para a maioría da xente. Temos unha imaxe moi estereotipada de Valle-Inclán, que é o Valle-Inclán das anécdotas, da boutade; pero hai ese outro Valle-Inclán traballador, moi traballador, un home dunha tremenda tenrura.

—Que será o que máis sorprenda ao visitante?

—Penso que o conxunto da exposición é sorprendente, aínda que pode haber pezas que poden ser rechamantes polo seu significado e valor. A exposición conta cun diálogo entre a parte iconográfica e gráfica coa documental. Aí está o Valle-Inclán de verdade: é un home normal e corrente, que ten a súa familia, e que desde o punto de vista da literatura é un xenio.

—É a quinta exposición sobre o autor na USC. É a máis persoal?

—É a máis persoal e distinta de todas. Redondea, por dicilo dalgunha maneira, os enfoques doutras anteriores.

«A súa literatura fala aínda para o presente»

 

 

A Cátedra Valle-Inclán fai este mes de febreiro dúas décadas nas que desenvolveu un amplo traballo no eido da investigación e da divulgación da obra do autor. Ademais, a USC conta cos manuscritos e coa biblioteca persoal do autor, así como co Arquivo Dixital Valle Inclán, sen esquecer a biblioteca propia da institución universitaria. «Os estudos valleinclanianos teñen un referente en Santiago», resalta a directora da cátedra, Margarita Santos

—Que é o que mantén con vixencia a Valle-Inclán?

—Dos da súa época, é o autor con máis vixencia. Non se oe tanto falar de Pío Baroja, de Unamuno, ou doutros autores que son de primeira orde; nunca tiveron a súa vixencia. Valle-Inclán ten a modernidade. Pódese colocar ao lado de Virginia Woolf, de Joyce..., porque é un auténtico renovador. A súa literatura está falando aínda para o presente. Por que está nas redes sociais? Porque moitas das súas frases se aplican hoxe. Cando fala de que «en España no se premia la inteligencia», ou cando denuncia a corrupción... É un autor moi moderno. É deses autores que, a medida que pasa o tempo, é máis novo.

—En ocasións falou de crear un centro de investigación sobre Valle-Inclán. Segue sendo o obxectivo?

—Si, porque a cátedra ten a súa personalidade, as súas funcións, pero debemos aspirar a que os investigadores veñan aquí, que existan bolsas, axudas, colaboracións doutras institucións... Tamén é importante que o cidadán teña acceso non á parte propiamente investigadora, pero si aos resultados da investigación, e que haxa unha exposición permanente de Valle-Inclán. Paréceme que todo iso tería que proxectarse a través dunha converxencia de vontades que contribuíran a conformar ese centro de traballo con proxección internacional.

—Cales son os vindeiros proxectos da Cátedra?

—É abrir a biblioteca persoal de Valle-Inclán, que contén os libros que el mercou e que falan dos seus gustos. Esa biblioteca será reveladora.