Unha mostra para homenaxear a Xaime Cabanas no décimo aniversario do seu falecemento

la voz A CORUÑA

CULTURA

Comisariada por Carlos Pita e Perico Vasco, «MMXXIII Cabanas» será unha das grandes mostras que acolla este ano en A Coruña

07 feb 2023 . Actualizado a las 20:59 h.

O décimo aniversario do falecemento do pintor Xaime Cabanas será celebrado cunha gran exposición distribuída no Kiosco Alfonso e Palexco de A Coruña. Comisariada por Carlos Pita e Perico Vasco, MMXXIII Cabanas será unha das grandes mostras que acolla este ano a urbe herculina.

Estará composta por cesións de obra pictórica de gran formato procedente das máis importantes coleccións privadas e públicas e, principalmente, do legado familiar. Son aproximadamente 90 pezas de gran formato, aínda que a mostra lle dedica especial importancia tamén aos numerosos bosquexos e pequena obra en papel que figura en arquivos particulares e na súa propia familia, xa que se poden contemplar un total de 124 destas pequenas pezas. Integrada na mostra hai unha exposición fotográfica sobre Cabanas onde se pode ver o seu estudo e como o retrataron fotógrafos como Juan Rodríguez, Xoán Piñón e Vari Caramés.

Visitas guiadas

Tamén se prevén varias actividades complementarias. Así, hai programadas seis visitas guiadas á exposición, ás 19.00 horas dos sábados 11, 18 e 25 de febreiro, e 4, 11 e 18 de marzo, partindo do Kiosco Alfonso e con 25 prazas ata completar aforo, sen inscrición previa. Ademais, haberá outras dez visitas para grupos concertados, en diferentes horarios de martes a venres, e con reservas a través do correo ludidactica@gmail.com. Os domingos 12, 19 e 26 de febreiro, ás 12.00 horas en Palexco, desenvolveranse obradoiros en familia, con previa reserva no mesmo correo e con prazas limitadas, para abordar temáticas como as Orzanas, o uso da técnica fotográfica sen cámara de cianotipo sobre callaos ou a fabricación dunha propia masa cerámica con materiais caseiros.

Por último, de martes a venres, ás 12.00, 13.00 ou 18.00 horas, desenvolverase un programa educativo para grupos de escolares de infantil a bacharelato denominado Criptotrazos, concibido como resposta a un proceso creativo de carácter evolutivo baseado en achados plásticos, formais e conceptuais derivados da obra de Xaime Cabanas, capaz de adaptarse con material específico aos diferentes grupos e idades, onde o compoñente lúdico é sempre protagonista.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, quixo reivindicar a figura do pintor coruñés, un dos principais referentes da vangarda cultural galega. A mostra, dixo a rexedeora, supón «un acto de xustiza» co artista. Rey lembrou a vinculación de Cabanas coa súa cidade, á que permaneceu sempre vencellado e que plasmou nas súas obras, como as coñecidas Orzanas ou nos paisaxes de Santo Amaro, Campo de Marte e a torre de Hércules, entre outros espazos. A alcaldesa considera que a exposición representa unha excelente oportunidade para reivindicar a figura do artista (ao que situou como referencia da plástica coruñesa e galega ao nivel de pintores como Lugrís) , e tamén para dalo a coñecer a unhas xeracións que non tiveron ocasión de gozar do seu traballo, xa que a última exposición de Cabanas en A Coruña data de 2001.