O ano Laxeiro encara o seu final coa publicación do libro «Outros ollos, nova mirada»

La Voz A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Acto de presentación do libro sobre Laxeiro.
Acto de presentación do libro sobre Laxeiro. Miguel Miramontes

«Despois de Castelao, é o artista galego do século XX máis celebrado e recoñecido», incidiu o autor, Xosé Carlos Valle

02 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A sede da Real Academia Galega de Belas Artes (Ragbá) acolleu este mércores a presentación do libro Laxeiro. Outros ollos, nova mirada, traballo do académico da sección de arqueoloxía e museoloxía Xosé Carlos Valle Pérez. O autor estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo. «Esta obra forma parte dos actos que conforman o ano Laxeiro, que rematará o vindeiro 1 de abril. Daquela, pasaremos a celebrar o ano Martín Códax», lembrou Quintana ao comezo da presentación, antes de dar paso ao responsable da biografía do creador lalinense. «Cando o presidente me propuxo na sesión de novembro do 2021 facer este traballo aceptei sen dubidalo. Pero cando regresaba a Pontevedra reflexionei sobre a complexidade que tiña a tarefa. Malia todo, decidín manter o compromiso e realizar esa análise. Foi un traballo case esgotador», confesou Valle.

Tanto o académico como o conselleiro salientaron a longa vida produtiva do pintor. «Creou dunha forma moi extensiva. Despois de Castelao, é o artista galego do século XX máis celebrado e recoñecido», incidiu o ensaísta. «José Otero Abeledo, Laxeiro, viviu case todo o século pasado, con todos os cambios que houbo no mundo nese período. Dalgún xeito, Laxeiro é unha metáfora de Galicia. Vemos unha evolución salientable no eido cultural e artístico. Un home de aldea, que aprendeu de forma autodidacta, que tivo que emigrar como outros tantos galegos e que en todo momento mantivo a súa vocación como artista», eloxiou Rodríguez.

O libro, explicou Valle Pérez, está dividido en catro etapas. A primeira vai desde o nacemento ata 1939; «nela destacan varios lugares que marcaron a Laxeiro, como Pontevedra e Madrid», detallou. A segunda comprende desde a década dos 40 ata 1951, con Vigo como espazo destacado. A terceira contempla a súa migración a Bos Aires, desde 1951 a 1970. E a última etapa abarca desde esa data ata o seu falecemento en 1996 en Pontevedra. «O obxectivo foi ademais facer algo diferente e orixinal», engadiu o conselleiro.