«Manuel Murguía puxo os alicerces históricos do galeguismo»

Caterina Devesa A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

De esqueda a dereita os académicos Xosé Luis Axeitos, Ana Romero Masiá, Marilar Aleixandre, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o secretario de Política Linguistica, Valentín García, o escritor Emilio Xosé Ínsua e o deseñador Pepe Barro na primeira xornada dos actos do centenario de Manuel Murguía
De esqueda a dereita os académicos Xosé Luis Axeitos, Ana Romero Masiá, Marilar Aleixandre, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o secretario de Política Linguistica, Valentín García, o escritor Emilio Xosé Ínsua e o deseñador Pepe Barro na primeira xornada dos actos do centenario de Manuel Murguía MONCHO FUENTES

Académicos e historiadores destacaron o relevante papel do escritor na primeira xornada dos actos do centenario do fundador da RAG

02 feb 2023 . Actualizado a las 21:33 h.

A Fundación Luís Seoane de A Coruña acolleu este xoves o primeiro acto da axenda do centenario de Manuel Murguía organizado pola Real Academia Galega (RAG). A xornada celebrouse o mesmo día do seu pasamento cunha mesa redonda que moderou a directora da sección de literatura da RAG, Marilar Aleixandre e na que interviron os académicos Ana Romero Masiá e Xosé Luís Axeitos, o escritor e historiador Emilio Xosé Ínsua e o deseñador Pepe Barro. «Murguía foi moito máis que o fundador da academia, foi quen puxo os alicerces históricos do galeguismo, así como os símbolos da identidade galega», apuntou Aleixandre, que quixo dedicar a xornada á Xosé Ramón Barreiro Fernández, que foi presidente da RAG e biógrafo do homenaxeado.

No acto tamén participaron o actual presidente da entidade, Víctor F. Freixanes e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que sinalou que Murguía foi «unha persoa poliédrica, tanto no seu periplo vital como na súa creación e na obra que nos deixou». Para comezar a mesa redonda, Ana Romero Masiá abordou os precedentes da RAG coa creación da Sociedad de Folklore Gallego por destacadas personalidades da cidade como Emilia Pardo Bazán, que foi elixida presidenta. «Iniciou a súa actividade a partir de 1884, pero aos poucos anos foi esmorecendo por diversas razóns, e en 1894 a xunta directiva, encabezada polo vicepresidente, o médico republicano Ramón Pérez Costales, decidiu que cambiase o seu nome polo de Academia Gallega». Sen embargo, por problemas políticos e persoais entre os dirixentes a institución non se consolidou «e sería preciso reiniciar as xestión que callarían na inauguración da actual Real Academia Galega no ano 1906».

A institución tamén coñecería desavinzas entre os seus membros nos primeiros anos, tal e como explicou o historiador Emilio Xosé Ínsua. «Murguía foi o principal obxectivo dunha parte da intelectualidade galega antirrexionalista e anticeltista, que interpretou a fundación da academia como un gromo separatista». Entre as voces discordantes houbo membros da propia entidade, como José María Riguera Montero. «Ese sector intenta desprestixiar a Murguía e acúsao de usar a institución para meter colegas nela e de marxinar a xente que máis sabe». Ante a situación, os académicos acordaron retirar o nomeamento de Montero e levalo ao xulgado por inxurias, pero a denuncia non prosperou. Igualmente, houbo polémicas internas nos primeiros anos polos criterios ortográficos e metodolóxicos do primeiro dicionario. No apartado de acertos e logros, Ínsua subliñou a posta en marcha do Boletín da Real Academia Galega.

Contribución á bandeira

O deseñador Pepe Barro destacou o papel de Murguía como creador dos símbolos de Galicia. «Ao longo do Rexurdimento sentiuse a necesidade dunha bandeira. No século XIX estaba estendida a idea de que era branca, quizais coa cruz de Santiago no centro. Constituído o primeiro partido político galego, a Asociación Regionalista Gallega, no ano do seu máximo esplendor, 1891, Murguía crea a bandeira coa banda azul sobre fondo branco», apuntou.

Para rematar, o académico Xosé Luís Axeitos aludiu ao traballo «impagable» de Barreiro Fernández, que «apousentou a sombra de Murguía na nosa historia». Axeitos definiu a Murguía como «escultor deste país» e analizou o contexto cultural da Coruña nos primeiros anos da RAG poñendo o foco na relación co liberalismo e o nacionalismo. «Tanto a RAG coma a Academia da Lingua Vasca e o Institut d'Estudis Catalans aparecen en relación coa teoría do nacionalismo lingüístico de Herder, que sostén que o principal elemento diferenciador dunha nación é a lingua. A partir dela, todas as nacións pequenas viron no idioma o seu sostén maior».