Alberto Ramos: «A fórmula que elixín para publicar é presentar os orixinais aos premios»

CULTURA

O escritor compostelán gañou con «Os corpos dos Romanov» o certame de narrativa breve Repsol 2022
01 feb 2023 . Actualizado a las 05:10 h.
O debut literario do xornalista Alberto Ramos (Santiago, 1986) chegou no 2006 con Dor pantasma despois de gañar o premio Biblos. Este martes presentaba na compostelá libraría Couceiro Os corpos dos Romanov (Galaxia), que viu a luz despois de obter o Repsol de narrativa breve 2022. Entre as dúas obras, outras catro que tamén acadaron recoñecementos en concursos: o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia (2009), en dúas ocasións o Vicente Risco de creación literaria (2012 e 2017) e o Manuel García Barros (2014).
—Vai vostede a premio literario por cada obra de narrativa.
—A fórmula que elixín para publicar é presentar os orixinais a premios. Por varios motivos. Ademais da interesante vertente económica que posúen, está a visibilidade que facilitan aos libros. E pesa, en terceiro lugar, que os galardóns levan aparellada, a maior parte deles, a publicación cunha editorial, neste caso Galaxia. Entón, a aparición do libro é máis inmediata; é todo máis áxil e directo. Estes son os motivos polos que me presento aos premios.
—Nunca optou, entón, por presentar un libro directamente a un editor?
—Non, o que fixen sempre foi presentarme aos concursos e, a partir de aí, chegou a publicación.
—E onde está o xermolo desta nova novela «Os corpos dos Romanov»?
—Naceu no Nadal do 2016. Neses días atoparon unha bomba da Segunda Guerra Mundial na cidade de Augsburgo. Daquela decidiron evacuar a 56.000 persoas e detonar o explosivo. A min a imaxe de cidade baleirada —falamos do ano 2016—, con cercos de seguridade, impactoume. Nese ambiente decidín escribir unha novela de vidas cruzadas, de tres personaxes que aparentemente non teñen nada que ver, pero que a súa vida está relacionada e se vai desenmarañando a ese vínculo a través da intriga. A bomba aparecida é unha metáfora moi potente de como actúa o pasado.
—Máis aló da aparición bomba que serviu de punto de partida, por que ambientala en Alemaña?
—Teño escrito novelas ambientadas en Santiago, A Coruña e Vigo, pero nesta ocasión pedíame o corpo viaxar e crear unha estrutura de certa ambientación que sexa, non de rigor histórico, pero si verosímil. O obxectivo era que toda esa ambientación estea ao servizo da historia e dos personaxes. Ao final, independentemente de que estea ambientado en Alemaña, o que se respira no libro son cousas do día a día, como a familia, o pasado, os coidados, as relacións persoais...; iso respirámolo aquí, en Alemaña e en todo o mundo. As reaccións fronte a eses problemas son transportables.
—Tamén é vostede xornalista, ata que punto inflúe esta circunstancia na súa escrita creativa?
—Seguramente si que inflúe, e noutros momentos máis aínda que agora. Penso que inflúe na forma de escribir e tratar a realidade. Literatura e xornalismo manexan a mesma materia prima: a realidade, só que nunha vai con ficción e outro con rigor —aínda que aquí pode haber debate.
—Cal é o segredo para conquistar aos xurados?
—Traballar moito, revisar, ter moita lectura, darlle voltas... Ao final, o dos premios é relativo porque a que gaña non é que sexa a mellor obra das presentadas de maneira absoluta, senón a que convenceu nun momento determinado a máis membros do xurado. Iso non se logra cun mal libro, senón cun traballado, que teña un interese e unhas calidades.
—Está preparando xa nova novela?
—Teño ideas, pero aínda non comecei. Esta acabeina de escribir o ano pasado e eu tardo moito en volverme sentar e darlle voltas á historia. Desde que nace unha idea ata executala pasa moito tempo. Neste caso, vin o da bomba no 2016, empecei a escribir no 2018 e acabei no 2022.