Manuel Rivas rescata a figura do bardo Amergin para A Coruña literaria candidata á Unesco

La Voz A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

O proxecto para lograr da Unesco a declaración da Coruña como Cidade da Literatura presentouse este martes.
O proxecto para lograr da Unesco a declaración da Coruña como Cidade da Literatura presentouse este martes. C. Quian

O proxecto para conseguir a declaración está impulsado pola agrupación cultural Alexandre Bóveda

31 ene 2023 . Actualizado a las 23:27 h.

Na igrexa máis antiga da Coruña hai un santo cun libro na cabeza que, amais de significar a palabra, soporta o arco de entrada do templo. «Qué útil pode ser un libro!», celebrou o poeta Manuel Rivas na presentación do proxecto impulsado pola agrupación cultural Alexandre Bóveda para conseguir que a Unesco recoñeza á Coruña como Cidade da Literatura.

O colectivo que preside María Xosé Bravo leva adiante desde hai meses un traballo de recollida e divulgación que xa se sustanciou na web acorunhaliteraria.gal e nun mapa que segue o ronsel de autores, bibliotecas e lugares onde agromou a literatura. Aí están a suntuosa biblia hebrea copiada e iluminada na Cidade Vella no século XV e salvada por mar a través de Portugal, os románticos Rosalía e Curros, o himno interrogativo de Pondal —«o único país do mundo que canta preguntándolle á natureza», dixo Rivas—, a revista Alfar, a revista Nós, a revista Atlántida, «a vangarda incesante» dunha cidade na que a literatura érguese coma «un trastempo» que atravesa todas as épocas, subliñou o escritor.

«É a cidade dos obradoiros tipográficos na que os obreiros lían e as maletas dos exiliados e emigrantes marchaban e viñan cheas de libros. Así chegou Sempre en Galiza», apuntou Manuel Rivas, que foi máis atrás, ao rescate do bardo galego Amergin, descendente de Breogán, do que se sabe pola cultura irlandesa e o seu Lebor Gabála Érenn ou Libro das Invasións. Chegado á costa de Irlanda, o poeta Amergin enfróntase a un combate naval e canta. E é a natureza a que fala. «Eu son o vento mareiro, eu son o golpe do mar, comeza a canción coa que se resolve a loita. Hoxe é un manifesto», conta Rivas, que suxire a Amergin como figura fundadora da Coruña da Literatura. «Queixumes das armas, queixumes dos pinos, remata o canto. Parece escrito para hoxe», di o poeta.