«Axudádeme a cantar» ou como dar á literatura oral e o canto das mulleres o sitio que merece

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O Consello da Cultura, a través dun documental de seis capítulos, reconstrúe o pasado, documenta o presente e albisca o futuro do canto tradicional con percusión de man, esquecido polo canon musical e pola cultura tradicional oral

02 feb 2023 . Actualizado a las 21:12 h.

Amparo Voces mira a alguén máis aló da cámara: «Agora saen porque aprenden, pero nós non fomos aprender a sitio ningún. Sabes como aprendiamos? As pequenas coas maiores cando ían coas ovellas». Lucinda Barcia e Montse Alvariño, nai e filla, sentadas na cociña, miran de fronte a alguén máis aló da cámara: «A señora Elena tiña uns cantares, Aurora tiña outros, a Dolores de Rafael tiña outros, a Clara...». Se cadra, é Galicia ese alguén máis aló da cámara a quen miran mentres falan e sobre a pantalla vaise imprimindo un Axudádeme a cantar

Ese verso, o que en tempos foi unha chamada á ir facendo quendas para poder bailar, é hoxe unha petición de auxilio para unha literatura oral non recoñecida e que nos anos 60 crebou a transmisión. Puido ser a emigración, que as novas xeracións de mulleres marchaban alén do oceáno ou a Alemania e non podían ir as pequenas coas maiores. Puido ser que chegou o cine, a gramola, as orquestras, e xa non habían padereteiras ás que chamar. Puido ser a intromisión institucional. Puideron ser todas esas cousas á vez. O resultado foi o mesmo. Acabáronse os seráns. 

Axudádeme a cantar é un verso, unha petición de auxilio e tamén unha serie de seis capítulos que, a través das informantes e as recompiladoras, reconstrúe o pasado, documenta o presente e albisca o futuro dunha literatura oral non recoñecida e prestixiada, como acontece moitas veces coa cultura asociada ao territorio das mulleres. 

«Como forma parte do cotián, da vida doméstica, non chegou a recoñecerse tanto como outras prácticas», explica Renée DePalma, autora do proxecto canda a Carmen López e Xulia Feixoo. «Aquí falamos de literatura, da transimisón oral. Pero falamos de moito máis: de canto, de música de percusión, de memoria, de tradición e modernidade», Carmen García Mateo é a coordinadora da sección de Lingua do Consello da Cultura Galega, que deu acubillo a un proxecto que non é un final, é un comezo.

Un xeito de poñer no lugar que lle corresponde e espallar a cultura do canto galego acompañado de percusión da man, unha ferramenta educativa e de lecer, apuntalada nas novas tecnoloxías: proxectos «que aproveitan todas as potencialidades que nos dá Internet» para ir máis aló no espazo e no tempo con soportes «que non se basean nunha palabra para o público que está alí diante», remarcaba Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura, durante a presentación do documental. 

Nos 60 o 70, os seráns esmoreceron. As mulleres deixaron de aprender unhas das outras. En Piornedo (Cervantes), a solteira de máis idade deixou de custodiar a pandeira, co tamaño dunha peneira á que se lle pon un pelexo de corzo, ou de ovella. As coplas, eses cantares que tiñan Aurora, e Dolores de Rafael, e Amparo, e moitas outras, foron quedando esquecidos. Relegados a un segundo plano na comunidade, que adoptaba outras formas de ocio. Relegadas tamén na memoria.

—Jota, muiñeira e vals.

—E a lata.

—Iso, e a lata. 

—A lata tocouse sempre.

—Como que animaba máis.

A lata da que falan Sira Paz e Orestina Busto, de Avión, é a de pimentón. A que acompañaba ás Tanxugueiras moito antes do Benidorm Fest. «Non son un fenómeno illado», di DePalma. Hai moitos xeitos, hoxe, de beber das fontes tradicionais. Augas que foron recollidas por asociacións floclóricas, por agrupacións de base, que nunca esqueceron de todo os cantares tradicionais. 

«Nós non sabiamos que aquí existía nada diso da pandeira. Faciamos polavilas pero con radiocasette». Isolina Rodríguez e Carolina Vázquez son parte dese traballo colectivo contra o silenzo. «Alégrame ver a moita xente en obradoiros. Por aí vai o camiño dun novo impulso para o instrumento».

Ese sachar na memoria colectiva con legoñas como a que Lucinda Barcia usa como instrumento musical levou a recuperar algunhas daquelas reunións esquecidas, como o serán dos Namorados en Toutón (Mondariz) que se volveu celebrar aló polos anos 90 e que terá unha nova edición este 11 de febreiro, onde se presentará tamén Axudádeme a cantar, que reflicte unha recuperación non só a través do arquivo dos 90 dos recompiladores, en boa parte inédito, senón tamén un xeito de reapropiación, reinterpretación e reprodución dos cantares tradicionais: Esta noite hai foliada, esta noite hai serán / Agárdoche no torreiro, compañeiriña leal [...].

Renée DePalma, Rosario Álvarez e Carmen García Mateo, durante a presentación de «Axudádeme a cantar»
Renée DePalma, Rosario Álvarez e Carmen García Mateo, durante a presentación de «Axudádeme a cantar» Sandra Alonso

«O fenómeno das Tanxugueiras deu visibilidade, pero é un movemento de base soportado sobre tecido asociativo que no país é funamental», subliña Xulia Feixoo, que fala da importancia da visibilidade e da transmisión desta literatura oral, desta música que quedou fóra do cánon —«se fóra música feita por homes, como a gaita, tería outro prestixio», incide Isolina Rodríguez— e da variedade de iniciativas que hoxe se nutren dos cantares tradicionais: dende música electrónica de Alberto Cernadas ata pandeireta acompañada de violín e guitarra de Caldo.

 «No ano 89, ver a seis mulleres enriba dun escenario tocando a pandeireta era unha cousa moi novidosa». Falan no derradeiro capítulo as Leilía, que foron, que son, unha ponte robusta entre «dúas realidades que non coexistían: a da aldea e a da cidade». 

Empeza a música tradicional a ocupar sitios e rexistros que non ocupaba antes, porque é algo vivo, que respira, que muda, que se adapta. Que medra. Foi tamén grazas a un traballo de recolección e cultivo que levou a cabo a cultura de base. Asociacións que serviron non só para arquivar a tradición, senón para que xente de distintar idades puideran xuntarse compartindo un interese común: o baile e a música.

A reflexión de Carme Iglesias e Macarena Rodríguez fala dun proceso de resocialización, dun xeito de tecer novas relacións, de fortalecer a identidade e o apego ao territorio, da formación dun novo colectivo que vén resumirse tamén nese verso que foi chamada ao torreiro, petición de auxilio e agora, título dun proxecto fundamental: Axudádeme a cantar.