Rescatan unha biografía inédita de Manuel Murguía escrita en 1953 por Lois Carré

HÉCTOR J. PORTO REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Murguía mitificado por Carré. A biografía de Murguía -á esquerda- que traza Lois Carré Alvarellos -dereita- ten un claro propósito mitificador do intelectual arteixán como construtor da identidade galega. RAG / ALVARELLOS
Murguía mitificado por Carré. A biografía de Murguía -á esquerda- que traza Lois Carré Alvarellos -dereita- ten un claro propósito mitificador do intelectual arteixán como construtor da identidade galega. RAG / ALVARELLOS RAG | Alvarellos

O selo Alvarellos prevé publicar en abril o libro co gallo do centenario da morte do historiador, que se cumpre este mércores 1 de febreiro

31 ene 2023 . Actualizado a las 10:17 h.

O selo compostelán Alvarellos prevé publicar no mes de abril unha biografía inédita de Manuel Murguía, que data de 1953 e foi escrita por Lois Carré Alvarellos (A Coruña, 1898-1965). Trátase dun mecanoscrito orixinal, Murguía, o patriarca. Estudo bio-bibliográfico do grande home, e abarca dende o nacemento do intelectual arteixán en 1833 ata 1882, coa fin da súa «derradeira etapa en Madride [sic]» e tres anos antes do pasamento de Rosalía de Castro. O falecemento de Carré impediulle acometer a última parte, na que ía narrar o período que abrangue desde ese regreso a Galicia de Murguía ata a súa morte.

Ao coidado da edición están a especialista en Lois Carré Esther García de Lucas e a profesora da Universidade da Coruña e investigadora Olivia Rodríguez, que traballan na transcrición, corrección de grallas e unificación ortotipográfica das 370 páxinas —de letra moi apertada— de que consta o documento que o autor deixou coidadosamente encadernado en dous tomos. O primeiro —no que fala del como «o patriarca»— fai un retrato de Murguía desde a nenez e ocúpase das amizades con Benito Vicetto (ambos acabaron enfrontados), Aurelio Aguirre, o casamento con Rosalía, o Banquete de Conxo... No segundo —no que o cualifica de «apóstolo»— trata o período madrileño.

A súas fillas Obdulia e Purificación Helena Carré Pol —que contaban arredor de trinta anos cando pasaron o manuscrito á máquina, que conserva as anotacións á man do seu pai— custodiaron a obra con agarimo e puxérona ao coidado de Esther García de Lucas —o neto de Lois Héctor Carré é a súa parella— cando lles preguntou pola amizade entre Murguía e Uxío Carré Aldao, pai de Lois Carré. García de Lucas fixo unha primeira aproximación crítica ao mecanoscrito como traballo de fin de mestrado e baixo a dirección de Olivia Rodríguez. Agora, indo da man, ultiman o ensaio introdutorio que acompañará a edición de Alvarellos.

Unha década antes do seu falecemento, Carré publicou unha biografía de Curros Enríquez —tamén escribira dúas novelas e algunhas recompilacións de contos populares—. E os dous tomos de Murguía estaban practicamente listos para o prelo, corrixidos, anotados, coa súa bibliografía, acabados, encadernados. A publicación agora deste inédito —este mércores conmemórase o centenario da morte de Murguía o 1 de febreiro de 1923— achega un texto de gran valor para a cultura galega, xa que ensancha notablemente o retrato das dúas grandes biografías coñecidas ata hoxe: a de Vicente Risco aparecida en 1933 e a do 2012 de Xosé Ramón Barreiro (Carré non alude á de Risco e Barreiro non sabía da de Carré). «Abrolla no medio das dúas e será unha peza fundamental para completar a visión de Murguía», avanza Olivia Rodríguez.

Lois Carré foi un dos 11 fillos de Uxío Carré Aldao e Purificación Alvarellos. Irmán, entre outros, de Leandro, Uxío ou Gonzalo, todos eles (como as sobriñas May e María del Pilar), escritores. Lois tiña apenas 25 anos cando morreu Murguía, pero, subliña García de Lucas, «foi realmente un discípulo del, e decide homenaxealo con este exhaustivo traballo».

No texto, Carré desliza incluso algo de autobiografía con descricións, e apuntes persoais, porque Manuel Murguía, (Oseiro, Arteixo, 1833-A Coruña, 1923) pasaba a miúdo pola súa casa a ver a seu pai, Uxío Carré, que acollía na súa libraría o faladoiro A Cova Céltica, que mantiñan diversos intelectuais, como o propio Murguía, de ideoloxía rexionalista. Desde ese coñecemento propio, Lois Carré reflexiona sobre o nacemento do Rexurdimento, e fala nun estilo moi directo, e ergue o mito do construtor da identidade galega.

Así, ao tempo, analiza unha xeración que, no ronsel, desenvolveu ideas e proxectos culturais nunha época en que a literatura galega, lembra García de Lucas, non pode explicarse desligada do contexto sociohistórico e político. Tanto esforzo por contextualizalo que a obra tende (especialmente no segundo tomo) á análise sobre o nacemento do nacionalismo durante os séculos XIX e XX.

O ensaio desmente «a fama de parrandeiro» do intelectual arteixán

A biografía feita por Lois Carré, defende o editor Henrique Alvarellos, ten importantes valores literarios. Como ocorre na que fixo de Curros, «está moi ben redactada e posúe unha prosa moi fluída». É un traballo realizado «con todas as da lei», insiste para enxalzar o rigoroso labor que amosan, entre outros aspectos, as 222 notas bibliográficas que deixou.

Ademais, subliñan as dúas estudosas Esther García de Lucas e Olivia Rodríguez, «a edición conservará o tipo de escrita literaria que Lois Carré emprega nesa altura de 1953, que é unha proposta de escrita que procede das Irmandades da Fala da Coruña, e que afonda nos clásicos do século XIX e resulta diverxente á que vai adoptar Galaxia nesa década». É un idioma moi bonito, moi xenuíno, puro, achegado á fala popular, engade Alvarellos, que contén moitos xiros próximos ao portugués e con elementos de sintaxe e gramática que se perderon, e que referendaba a opción que tratou de desenvolver na Segunda república, en 1933, o Seminario de Estudos Galegos con aquel Algunhas normas pra a unificazón do idioma galego. Todos os irmáns Carré (os once) vindicaban esta alternativa, tanto que Leandro deixara nos anos 20 e 30 notables traballos nesta liña nos campos da gramática e en dicionarios de lingua galega. Sen fixar a norma daquela, a lingua tomará outro camiño, da guía de Galaxia, polo que «é moi difícil —di Alvarellos— atopar despois dos anos 50 libros coma este».

Pero as mellores virtudes desta biografía non son só cuestión de estilo, alega o editor, hai que buscalas no retrato que debuxan e que «afasta a Murguía da fama de parrandeiro e pon o énfase na súa enorme disciplina e a súa grande capacidade de traballo».