María Antonia Dans como ilustradora: «O armazón da súa obra era o debuxo»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A exposición «María Antonia Dans, a maxia da cor» conta con libros, debuxos e fotografías.
A exposición «María Antonia Dans, a maxia da cor» conta con libros, debuxos e fotografías. Sandra Alonso

Unha mostra bibliográfica na Biblioteca de Galicia reúne máis de trinta pezas

31 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Visibilizar o traballo que realizan na actualidade os ilustradores e, ao mesmo tempo, rescatar figuras históricas galegas neste eido. Con ese dobre obxectivo conmemorouse este luns o Día da Ilustración, que nesta edición está protagonizado pola artista plástica María Antonia Dans (Oza dos Ríos, 1922-Madrid, 1988), á que se lle dedica unha exposición bibliográfica na Biblioteca de Galicia. Coñecida maioritariamente como pintora, a mostra fai fincapé no seu traballo no ámbito da ilustración a través de máis dunha trintena de pezas, incluíndo libros, debuxos, gravados e fotografías.

María Antonia Dans, a maxia da cor ofrece un percorrido que parte da orixe da artista, con Curtis como principal referente, e remata cunha análise do legado. A mostra, que poderá verse ata o 12 de maio nas dependencias da Cidade da Cultura, está articulada en seis vitrinas. A primeira, baixo o título Galicia no corazón, incide na pegada da terra natal na súa obra. Queda reflectida a súa ligazón con Curtis nunha reprodución dunha carta a súa amiga Milita e en fotografías. Neste apartado tamén hai espazo para unha reprodución do catálogo da súa primeira exposición na Coruña do 17 ao 27 de abril de 1950. Nela as súas obras compartían protagonismo coas de Gloria de Llano. A viaxe prosegue cos inicios de María Antonia Dans en Madrid, a onde chegou en 1952. Neste repaso, non falta un exemplar cunhas declaracións súas que amosaban o seu compromiso feminista: «Si no fuera mujer, mis cuadros se pagarían el doble». Tamén están os primeiros traballos como ilustradora, como é o caso da creación que acompañou no xornal ABC en 1958 o conto La Tata, de Carmen Martín Gaite.

A terceira vitrina pon o foco na participación de Dans no rexurdimento da literatura infantil e xuvenil a partir dos anos 60. Ilustrou exemplares de novas editoriais como Doncel, como por exemplo, o libro La isla de las tortugas. A cuarta etapa do percorrido expositivo pousa a mirada noutros traballos no eido da ilustración editorial, con referencias que van alén da literatura infantil e xuvenil, como os seus traballos para as guías Everest ou as súas ilustracións para Galicia. Romería interminable.

As dúas últimas vitrinas desta mostra bibliográfica tamén se achegan a outros eidos do traballo de María Antonia Dans co obxectivo de amosar a súa versatilidade. Así están recollidos serigrafías, un gravado que lle enviou a un amigo, tecidos ou murais. O peche enxalza o legado da artista, deixando constancia do éxito que obtivo. A mostra está conformada maioritariamente por fondos que atesouran a propia Biblioteca de Galicia e o Arquivo de Galicia, aínda que tamén tiveron colaboración doutras institucións e particulares e adquiriron para a ocasión algunha peza.

A exposición é a proposta central na programación da Xunta para celebrar o Día da Ilustración. «Poñemos o foco no traballo que realizan os ilustradores e ilustradores, que hoxe podemos falar dunha profesión, non como a época de María Antonia Dans», apuntou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. Indicou que co recoñecemento a Dans, dáselle visibilidade á faceta de ilustradora da artista criada en Curtis, onde se vai abrir un museo. Lembrou que os recoñecementos polo Día da Ilustración son a referentes históricos, «que non é a ilustración que temos hoxe en Galicia, onde temos profesionais practicamente dedicados en exclusiva a esta tarefa, cousa que antes era imposible lograr».

Tamén a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (Agpi), Laura Romero, resaltou esa faciana da homenaxeada máis aló da pintura. «O armazón da súa obra era o debuxo. Para María Antonia Dans pintar era debuxar con cores. Entón, o que demostramos é que non era só pintora xa que para ela o debuxo e a ilustración tiñan moito peso», incidiu na inauguración da mostra. Ademais, reivindicou o oficio: «Non só somos os que facemos bonitos os libros, senón que a ilustración é unha linguaxe máis coa que poder expresarte».

Entre a vintena de actividades organizadas pola Xunta atópase tamén o obradoiro Ilustremos en galego, que impartirá Siro o día 4 na Biblioteca de Galicia.