A modernización da web inaugura unha nova andaina da Fundación Castelao

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

IMAXE E DESEÑO. Unha comisión oficial do Goberno republicano no exiliio presidido por José Giral asistiu á asemblea xeral da Unesco o 17 de decembro de 1946. No centro da imaxe, Augusto Barcia Trelles, ministro de Facenda, que encabezou un grupo no que estaban, entre outros, Castelao, ministro sen carteira, e Manuel de Irujo. Acompañábaos Pablo Picasso. A foto (procedente do Archivo Histórico Nacional) é unha das imaxes que incorpora a web da Fundación Castelao
IMAXE E DESEÑO. Unha comisión oficial do Goberno republicano no exiliio presidido por José Giral asistiu á asemblea xeral da Unesco o 17 de decembro de 1946. No centro da imaxe, Augusto Barcia Trelles, ministro de Facenda, que encabezou un grupo no que estaban, entre outros, Castelao, ministro sen carteira, e Manuel de Irujo. Acompañábaos Pablo Picasso. A foto (procedente do Archivo Histórico Nacional) é unha das imaxes que incorpora a web da Fundación Castelao

A institución reivindica este sábado en Rianxo unha sede en Santiago e o museo na vila natal do artista e intelectual

28 ene 2023 . Actualizado a las 05:15 h.

A Fundación Castelao inicia unha nova andaina, que abrolla tras o relevo na súa presidencia, cando en outubro pasado deixou o cargo Carlos Mella, que pasou a mans do seu daquela vicepresidente, Miguel Anxo Seixas Seoane. A total modernización da web obsoleta —a nova está este sábado operativa, coincidindo coa celebración en Rianxo da ofrenda floral na véspera do 137.º aniversario do nacemento do intelectual— inaugura unha etapa que quere «ir cos tempos». Non se trata só de camiñar na procura dos medios e soportes axeitados —matiza Seixas Seoane—, aspira a deixar atrás «os discursos de sempre». Tradúcese, incide, en ser «cobizosos en proxectos» e, sobre todo, «ter presenza na sociedade, consolidar a conexión coa cidadanía; en definitiva, facer visible a fundación».

As cousas andaban aletargadas, sinala o deseñador Pepe Barro, encargado da elaboración da web e da imaxe corporativa: «Hai moitos anos que a fundación traballa rexida por persoas maiores, e sen orzamentos nin expectativas de cambio; precisaba un empuxón para o que Seixas, despois de ter enfrontado esa biografía monumental de Castealo, posuía a necesaria autoridade moral». E Seixas púxose ao labor, revisáronse os estatutos e mudou o padroado, rodeouse de xente moza, a maioría mulleres, que «lle dan outra vida á institución».

Precisamente, amais da diferenciación, o cariz institucional foi o que atacou Barro cando abordou a tarefa: «O seliño que definía a identidade gráfica da fundación, que veu do maxín de Isaac Díaz Pardo e que estaba vixente desde 1984, o ano da creación, parecíase demasiado aos do Seminario de Estudos Galegos e o Instituto Padre Sarmiento, e afondaban no perfil do pai da patria. O Castelao do futuro tiña que amosar o seu rostro polifacético: deseño gráfico, pintura, gravado, teatro, escritura, ensaio, política... E o seu liderado. É un personaxe moi sedutor, incluso para alguén de fóra de Galicia, unha figura cun abano moi amplo de facetas moi rara de atopar».

Detalle do deseño de Pepe Barro para o novo logotipo da Fundación Castelao.
Detalle do deseño de Pepe Barro para o novo logotipo da Fundación Castelao.

Esa versatilidade é a que procurou no seu traballo, un logotipo —di— «feito a base de retallos, significativos, diferentes, dunha mesma persoa». O resultado, cre, reflicte o espírito modernista e art déco dun Castelao «inmerso nas estéticas vangardistas da Europa daquela hora». E réstalle valor ao esforzo: «Facer unha web non é facer unha tese doutoral; como deseñadores, temos que buscar sintetizar o personaxe, comunicar o esencial».

Seixas está convencido de que se acadou o que se perseguía, «dotarse dunha ferramenta atractiva para divulgar e chegar á xente, de atención ao público e de diálogo, ofrecer contidos e actividades para que a cidadanía retruque, con suxestións e propostas, dar e recibir», ese debe ser o obxectivo. E ir alén da veciñanza, engade, porque Castelao interesa non só na diáspora galega, tamén en Xapón.

Pero esta renovación non pode quedar só na aposta virtual, afirma Seixas, debe ir acompañada doutras conquistas en cuxa reivindicación empezan a traballar xa, como son a reclamación dunha sede en Santiago (o pequeno local no baixo da rúa do Hórreo «non reúne a precisa dignidade representativa»), o museo de Rianxo e que se lle dea o nome de Castelao [xa comprometido] á estación de tren compostelá.