A primeira peza teatral en galego conservada volve ás táboas da man do CDG

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

Cedida

«A contenda do río Miño» será representada desde este xoves ao domingo 5 de febreiro no Salón Teatro nunha coprodución do Centro Dramático Galego e a Companhia de Teatro de Braga

24 ene 2023 . Actualizado a las 17:10 h.

A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, o texto de Gabriel Feixoo de Araúxo en 1671, que representa a primeira peza teatral en lingua galega conservada, volve ás táboas desde este xoves 26 ata o 5 de febreiro no Salón Teatro de Santiago nunha coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) coa Companhia de Teatro de Braga. Serán nove funcións.

A montaxe, que fora estreada no 2021 no Festival de Almagro, regresa para conmemorar o 50 aniversario da súa primeira posta en escena por parte da compañía coruñesa Teatro Circo, da man de Manuel Lourenzo e José Estruch. «Este espectáculo permitiu recuperar a peza para unha nova xeración. Era unha débeda histórica do CDG», resaltou o responsable da unidade de produción teatral da Xunta e tamén director da montaxe, Fran Núñez.

A proposta recolle o texto de hai 350 anos «sen cambiar unha coma» das dez páxinas que o conforman. Iso si, a posta en escena estará acompañada de música e coreografías. Ademais, hai un vínculo co espectáculo representado hai 50 anos incluíndo voces daquel elenco orixinal do de Teatro Circo. Tamén conta cunha introdución para completar a montaxe. Fran Núñez destacou que o texto «leva implícito un diálogo con Portugal, cos recursos naturais e co noso territorio. Falamos da fronteira, dos recursos e da nosa relación como veciños».

Presentación da coproducción do CDG e a Companhia de Teatro de Braga  A contenda do río Miño  este martes no Salón Teatro
Presentación da coproducción do CDG e a Companhia de Teatro de Braga A contenda do río Miño este martes no Salón Teatro Xoán Crespo

O elenco está formado por intérpretes galegos e de fala portuguesa, non só do país veciño, senón tamén de Brasil e Mozambique. Intégrano Rogério Boane, Sílvia Brito, Carlos Feio, Eduarda Filipa, António Jorge, Grasiela Müller, Aisa Pérez, Valentina Picciau, Soange Sá e o propio Fran Núñez. «Foi unha aventura traballar un texto clásico, a temática das fronteiras é moi actual», afirmou Sílvia Brito onte no Salón Teatro durante a presentación do espectáculo, que estivo encabezada polo director da Agadic, Jacobo Sutil. O membro da Xunta de Galicia incidiu en que a montaxe «representa o que debe facer un teatro público porque está baseada no texto fundacional da dramaturxia en galego, traída a actualidade de maneira moi enriquecedora». Tamén incidiu no achegamento a Portugal e á lusofonía.

As entradas para asistir a este espectáculo xa están á vedna. As sesións serán os mércores e os domingos ás 18.00 horas e os xoves, venres e sábados, ás 20.00 horas. Mañá mércores haberá, ademais, dúas representacións escolares ás que asistirá o alumnado de diferentes centros educativos.