A intelixencia artificial, ao servizo da nova música galega: «Un 55 % feita pola persoa e un 45 % pola máquina»

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Sofía Oriana, Joel Cava e María Teresa Cores, na presentación da xornada.
Sofía Oriana, Joel Cava e María Teresa Cores, na presentación da xornada. MIGUEL MIRAMONTES

A obra de Pamp!, coa que o colectivo quedou segundo no AI Song Contest, propón un futuro totalmente revolucionario para á creación. O sábado falarán de todo iso en Afundación e interpretarán en directo por primeira vez

17 ene 2023 . Actualizado a las 19:04 h.

Existe un festival de Eurovisión para cancións creadas pola intelixencia artificial (IA): o AI Song Contest. Na edición do 2022, un proxecto galego quedou segundo na clasificación final, sendo o primeiro no apartado de televoto. Trátase do colectivo Pamp! e a canción Ai-Lalelo, un tema que nace da tradición da música galega e chega aos nosos oídos tras pasar pola acción de todo tipo de datos e algoritmos. «Imaxe, letra, harmonías, instrumentos e, incluso, unha das catro voces foi creada con esa tecnoloxía», subliña Joel Cava, responsable creativo de Cecubo Group e coordinador do equipo Pamp!

O próximo sábado explicarán todo o proceso de creación da peza dentro da xornada sobre IA aplicada á música que terá lugar na sede coruñesa de Afundación (actividade gratuíta con inscrición previa na web da entidade). Estruturada en varios talleres, conferencias e clases maxistrais, rematará coa interpretación de Ai-Lalelo. «Será a primeira vez que a fagamos en directo coas voces de Eva Outeiro e Mon Quop», adiantaba Cava, que confirmaba ademais o que está en boca de todos nestes meses: «Estamos vivindo un bum de creatividade neste sentido».

Un bum con consecuencias positivas ou negativas? Os responsables do proxecto cren que é positivo. Pese a todo, recoñecen que, de inicio, houbo desconfianza entre eles. «Ao principio había diversidade de opinións dentro. Sofía ou Xandre estaban reticentes no uso da IA, pero, conforme fomos traballando, caeron as reticencias», explica. Refírese a Sofía Oriana e Xandre Outeiro. Forman parte do equipo no que tamén figura Juan Alonso, David Santos e Marta Verde. Xuntos traballaron para elaborar a canción e o videoclip. «Poderemos ver como se compón unha canción con esta tecnoloxía desde a nosa perspectiva, que é a de que a IA é un complemento, non un substituto. Algo para completar e chegar a novos horizontes e sonoridades, metas aínda por atopar».

«Existe unha parte ética do uso no que hai que ser moi responsable», advertía Sofía Oriana na presentación, na que tamén estivo a coordinadora da área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores. «Nós creamos un novo espazo de participación paralelo aos métodos tradicionais. Pero hai usos menos responsables e controvertidos. Está todo por vir», engadía Oriana.

«Ten que haber unha persoa»

Joel Cava quixo romper mitos sobre a IA, a súa instantaneidade e a idea de que a intervención humana non é necesaria: «Isto non foi darlle a un botón e que saíse unha canción feita sen máis. Ao contrario, foron catro meses de traballo, de diálogo coa máquina, cos algoritmos e as ferramentas nun proceso cocreativo. Defendemos que, dentro da IA, ten que haber unha persoa que faga de supervisor e de acompañamento deste proceso e que ten que ser unha IA ética e profesional».

«Partimos do diálogo coa máquina, alimentando o ordenador a partir de prompts [indicadores] e recursos que temos dun arquivo dixital de cantigas. Recompilamos 400 cantigas populares en textos para que a propia máquina puidese xerar novas estrofas e unha letra completa. Nós respectamos o traballo da máquina. Corriximos algún erro ortográfico que había, pero o demais deixámolo practicamente igual que o resultado que expulsou o algoritmo».

Ao final da exposición, María Teresa Cores preguntou sobre a implicación humana e da máquina en Ai-Lalelo. Cava volveu a subliñar a idea de diálogo creativo e inclinou a balanza a favor das persoas: «Foi un 55 % a persoa e un 45 % a máquina. As voces teñen un peso importante e aí tivemos humanos», concluíu.