Mangüi, o baixista riseiro co que todo o mundo sempre quería tocar

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

OBITUARIOS

Mangüi Martin nun concerto en Lugo no 2014.
Mangüi Martin nun concerto en Lugo no 2014. FOTO SUSO

Foi unha peza fundamental nos Diplomáticos de Monte Alto, tocando tamén con bandas como Luar na Lubre, Miki Nervio & The Bluesmakers e Banda Xangái

14 ene 2023 . Actualizado a las 19:48 h.

Sorpresa, emoción e moita tristeza. A secuencia repetíase hoxe na comunidade musical coruñesa en particular, e na galega en xeral. Mangüi Martín García (Ferrol, 1972- A Coruña, 2023), o que fora baixista da época dourada dos Diplomáticos de Monte Alto, aparecía morto na casa dos seus pais. Só tiña 50 anos e non padecía enfermidade algunha. De feito, o pasado 16 de decembro tocou na sala Garufa da Coruña coa Banda Xangái. Ninguén sabía as causas dunha morte repentina que deixa un oco musical —e tamén emocional— na escena galega.

«Era un músico extraordinario. Cando tiñamos algún problema con algunha harmonía entraba el e solucionábao axiña», dicía ao pouco de difundirse a nova Xurxo Souto, o líder dos Diplomáticos de Monte Alto. «Sen ningunha dúbida, era o mellor do grupo en canto a formación. Viña da orquestra e tocaba de todo. Podía facer jazz, música latina... E todo o facía ben», engadía Rómulo Sanjurjo, outro dos integrante do grupo que capitaneou o movemento do rock bravú.

Antes de traballar con Souto, Sanjurjo e demais, Mangüi tivo una ecléctica traxectoria. Nado en Ferrol, pero coruñés do barrio do Agra do Orzán dende neno, foi no colexio Fogar de Santa Margarida onde nunha clase de teatro viu a Pablo Constenla tocando unha guitarra. «Cando o vin tocar dixen que adeus ao teatro, que eu quería iso. Así que con 13 tacos pois puxenme a rañar nunha guitarra que comprei», dicía no libro Non temos medo. Historia oral dos Diplomáticos de Monte Alto, de Rodri Suárez.

Xa no instituto, coñeceu a Gastón Rodríguez, o que formaría logo Los Doré, absorbendo os seus coñecementos e embarcándose como baixista en proxectos de folk, como Luar Na Lubre (cos que tocou no festival de Lorient), e blues, como Miki Nervio & The Bluesmakers. Pero axiña chegaría o seu grupo máis frutífero. Xurxo Souto, a quen coñeceu en Francia en 1986, chamouno para que se integrara en Os Diplomáticos de Monte Alto. Alí encaixou á perfección. Á súa habelencia instrumental e versatilidade uníase un carácter afable que converteuno en imprescindible. «Nós eramos un grupo de amigos e sentiamos a banda como unha familia. E Mangüi era un irmán. Foi unha honra tocar con el», explica Sanjurjo.

Mangüi estivo presente na parte más lembrada da discografía dos Diplomáticos: Arroutada Pangalaica (1991), Parrús (1993), ¡Avante toda! (1995) e Capetón (1999). Na citada historia oral confesaba a súa preferencia: «A canción Parrús encántame. A xente prefire ¡Avante toda! Enténdoo porque quedou moi ben. Pero onde botamos fóra toda a forza e cuspimos toda a merda que levabamos dentro foi en Parrús». Coa chegada do novo século deixou o grupo de maneira abrupta (no libro fai autocrítica de todo aquilo). Volvería con eles na xuntanza do 2012.

Tras Os Diplomáticos de Monte Alto montou A Tribo da Terra, que non funcionou e disolveuse de contado. Máis tarde púxose a tocar con todo tipo de formacións (Sonora Callejera, Os Frikipaldis, A Banda Calavera, Os Duguis...). «Era un tipo que lle caía ben a todo o mundo e todo o mundo quería tocar con el. Era moi boa xente», comenta Sanjurjo. Destaca que era unha persoa que «vivía por e para a música». Xurxo Souto conclúe: «Mangüi sempre en nós. Foron 50 anos de música e amor».