Os reis

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

10 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro que cando era rapaz, coa emoción e a ilusión dos agasallos, cheguei a crer que vira os Reis Magos en varias ocasións. Tan convencido estaba de telos visto que aqueles intres quedáronme gravados na mente como se sucedesen onte mesmo. Aí é onde está a forza do subconsciente, a fe e as ganas de que sucedan as cousas que desexamos. Na miña infancia aínda non tiñamos tan presente a figura de Papa Noel tal como e como a temos na actualidade. E se andaba entre nós era como un sinxelo adorno decorativo mais. Recordo a súa imaxe en forma de pequeno bonequiño pendurado da árbore de Nadal. Para min aquel home de brancas barbas e vestido de vermello nunca nada representou e os Reis Magos foron sempre os protagonistas das miñas ilusións infantís. A cultura invasora americana fixo o resto e agora xa sabemos o que hai. O Apalpador ou Pandigueiro, xa cada quen que escolla denominación, apareceu moito máis tarde no noso Nadal e nin sequera chegou a estar presente na infancia dos meus fillos. Cousas da historia, das tradicións e de como as imos adoptando e readaptando. Nin sequera a tradición dos agasallos de Reis tal como a coñecemos é tan antiga. A primeira vez que se empezou con todo isto foi no século XIX e non era precisamente algo que se dese en todas as casas. Os meus pais contaban que eles nunca tiveran agasallos neste tempo. Como nenos da posguerra que foron, tocoulles unha situación económica e social que non daba para moita festa. Aínda así e en boa medida, a súa xeración foi a que asentou un certo benestar que axudou a estabilizar determinados costumes máis ou menos acertados. Non tardou o capitalismo e a sociedade de consumo en darlle forma e xeito, que diso si que saben. Ninguén nos pode quitar os momentos de ledicia e de ilusión que este tipo de cousas nos ofreceron e aínda nos ofrecen. Mais a tradición dos Reis propia de Galicia era e segue a ser algo ben diferente que día a día está a se perder de xeito galopante e esta é a mágoa. Neste punto é onde deberiamos intervir para axudar á súa recuperación e dignificación. Os meus pais si que nalgún momento me falaron daqueles antigos cantos e tradicións de reis que aínda sobreviven nalgunhas aldeas. Os auténticos e nosos que desexo que volvan.