Astarot festexa o seu 40.º aniversario coa xira do disco «Baixo a luz de Breogán»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

Astarot
Astarot

O grupo de Cangas, un dos máis antigos de Galicia, afonda no rock celta

06 ene 2023 . Actualizado a las 23:03 h.

«Nós somos ante todo unha familia de xente que lle gusta a música e querémonos moito», confesa José Manuel Piedra, mánager e batería de Astarot, a banda de Cangas que este 2023 cumprirá 40 anos sobre os escenarios. «Queremos celebralo por todo o alto porque a día de hoxe debemos ser o grupo en activo máis antigo en Galicia», calcula o instrumentista. A traxectoria desta formación comezou nos sons máis puros do heavy rock do Morrazo para ir evolucionando cara ao que eles chaman rock fusionado con ingrediente celta, unha vía na que afondaron xa dun xeito absoluto no seu último traballo, titulado Baixo a luz de Breogán, da man de Bieito Romero, líder de Luar na Lubre.

Eses corenta anos non foron doados para estes roqueiros —«houbo cousas boas e cousas malas, aínda que prevalecen as boas», asegura Piedra—, que, de feito, non puideron nunca abandonar os seus respectivos empregos para centrarse exclusivamente na música. O batería di que esta circunstancia é unha consecuencia natural do estado deste sector cultural no eido do profesional. «Non vou dicilo eu, que toco no grupo, pero, home, creo que Astarot ten o talento suficiente como para que os seus membros vivan da música», sinala. «Nós sempre levamos isto dunha maneira tranquila e non puidemos deixar os nosos traballiños porque tampouco a industria nolo permitía; un ano pode saír ben pero tamén pode saír mal, polo que sempre mantemos o acubillo dos nosos traballos», argúe o músico.

Da formación actual, só o guitarrista Carlos Gandón e o baixista Carlos Rodal viron nacer o proxecto alá por 1983. José Manuel Piedra entrou no 2008, o cantante Juan A. Antepazo sumouse ao resto hai dez anos e Loren Tevra fíxoo máis recentemente.

1996 supuxo un chanzo moi importante na xa longa historia de Astarot —nome con referencias bíblicas— debido á publicación de Airiños, airiños, aires. «Todos somos moi amantes da cultura galega e atopámonos moi cómodos achegando o noso particular punto de vista, que está baseado no respecto porque hai que ter moito coidado para facer unha versión», explica Piedra.

A partir daquel momento, o grupo cangués atopou o seu lugar máis orixinal na música feita en Galicia. Polo menos, así o pensa o seu mánager e batería: «Coido que a xente aceptou iso moi ben, e gusta moito, ademais ocorre así entre xeracións distintas porque veñen a vernos rapaces de 15 anos, adolescentes, e ata algunha señora de oitenta. Para nós, iso é un orgullo».

Foi entón cando comezaron a realizar versións de cancións galegas moi coñecidas, e a poñerlle música a poemas de autores destacados da literatura feita na lingua rosaliana.

No seu noveno álbum, Baixo a luz de Breogán, Astarot quixo homenaxear dende o mundo do rock a autores que marcaron o devir das letras galegas, como é o caso de Curros Enríquez, a propia Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Xela Arias e Castelao. «Hai uns anos coñecemos a Bieito Romero, e brindounos a súa axuda, e así foi: contamos co seu apoio e a súa sabedoría para afrontar a gravación deste disco», apunta Piedra.

Luar na Lubre

O traballo contén catorce cancións, algunhas delas de composicións propias e outras melodías creadas con letras que senlleiros escritores compuxeron en lingua galega. Xunto á colaboración de Bieito Romero, o grupo contou co respaldo de Xan Cerqueiro ou Bieito Romero Diéguez, tamén de Luar na Lubre. Froito desta simbiose é Negro caravel, tema nacido a partir do poema homónimo de Rosalía e do que editaron un videoclip. Así tamén abrollou o vídeo de Chove en Santiago, unha versión de rock melódico que mestura a música tradicional galega e o poema que Lorca dedicou á cidade de Compostela.

«Agora a nosa oficina está traballando arreo para cerrar a xira do 40.º aniversario porque queremos que sexa un ano por todo o alto», proclama o batería de Astarot. «En maio faremos en Cangas o concerto central no que haberá músicos convidados, aínda que non temos pechada a presenza de todos eles debido ás súas respectivas axendas. Pretendemos que estea a xente que nos apoiou e axudou neste anos», detalla Piedra, que xustifica a celebración deste concerto en Cangas por ser a localidade onde naceu o grupo e onde se lle ten en gran estima. «Despois desa cita proxectamos presentar este novo disco por toda Galicia e tamén saír fóra», conclúe o músico.