Felipe Peña apela «á mirada da creación arquitectónica» no seu ingreso na Academia Galega de Belas Artes

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

MIGUEL MIRAMONTES

17 dic 2022 . Actualizado a las 19:16 h.

O arquitecto e doutor pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña Felipe Peña ingresou onte na Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba). Foi nun acto celebrado no Museo de Belas Artes da Coruña. Fíxoo como académico numerario da Sección de Arquitectura trala lectura do discurso «A mirada errante, notas para seguir mirando». Este foi contestado en nome da institución polo académico numerario da Sección de Arquitectura Xosé Manuel Casabella.

Peña falou da mirada como elemento básico que, a través do vehículo da man, consegue reflectir na súa creación arquitectónica. Para iso rescatou un documento que comezou no 2005 sobre o debuxo, con notas de libros e xornais e anotacións de conversas con amigos.

Destacou como a man serve para trasladar proxectos, debuxos ou textos da mente ao papel, sinalando a complexidade do cerebro e a marabillosa mecánica dos movementos da man. «Buscamos entender como se organiza esa parte escura que hai detrás da rapidez, eficacia e coherencia coas que se produce a expresión artística coa man como vehículo prioritario, e cunha concentración de coñecementos, imaxes e recordos que, ao ir sempre acompañados dunha vontade de actuar sobre a realidade, nos conduce a supoñer que procede do que chamariamos unha mirada», reflexionou.

O arquitecto explicou que as arquitecturas e os debuxos en xeral son a primeira referencia. Pero sinalou que hai tamén uns extraordinarios desenvolvementos escritos que, sen preocuparse de definir o concepto, poñen de manifesto a presenza dunha mirada, é dicir, unha atención e unha intención, que supoñen unha prioridade sobre algún aspecto da realidade. «Agardo que este escrito alcance a condición de relato e sexa unha posible explicación de como algo interior e íntimo, como é unha mirada, se converte nunha forma exterior, escrita, debuxada, sonora…, e que finalmente é compartida, como é o caso da creación arquitectónica, un lugar propicio para que se manifeste a brisa inspiradora dunha mirada».

Nesta liña, apuntou cara a outro elemento como é o relato, forma de expresión habitual, non só na literatura ou na música, senón tamén na arquitectura e no debuxo. «Na arquitectura está menos elaborado, pero pódense deducir relatos nos edificios ou no seu uso. A complexidade que poden alcanzar as miradas parece que precisa do desenvolvemento do relato», dixo.

Na intervención de Peña lembráronse algunhas das súas obras máis importantes. Entre elas, destacan a Cidade das Rías (1973-1975), a Casa da Cultura. o Museo do Humor (Fene, 1977-1980), a Casa das Ciencias (A Coruña, 1982-1985), a Casa da Cultura de Perillo (Oleiros, 1981-85), a Praza Roxa (Santiago 1988-1990), o Plan Xeral de Santiago de Compostela (1990), a rehabilitación do cargadeiro de mineral da Insua (Viveiro, 1999-2002), o vicerreitorado da Universidade en Lugo (2000-2007) e a rehabilitación da Casa Casares Quiroga (A Coruña, 2020-2011).