A filóloga María Dolores Sánchez Palomino ingresará o sábado na RAG como membro de número

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

María Dolores Sánchez Palomino
María Dolores Sánchez Palomino .

Dirixe actualmente a revisión do «Dicionario bilingüe castelán-galego»

15 dic 2022 . Actualizado a las 23:51 h.

María Dolores Sánchez Palomino ingresará o sábado na Real Academia Galega (RAG) como membro de número. A catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña, investigadora de prestixio internacional no ámbito da lexicografía, é membro correspondente da RAG dende 2004 e dirixe na actualidade a revisión e actualización do Dicionario bilingüe castelán-galego, que estará dispoñible proximamente en liña. A filóloga pronunciará o discurso titulado «Ten sentido unha lexicografía académica bilingüe? [De lexicografía e Academias]», ao que lle dará resposta en nome da Academia o director do Seminario de Lexicografía, Manuel González González.

A académica electa ocupará a cadeira vacante tras o pasamento do arquitecto Andrés Fernández-Albalat nunha sesión extraordinaria pública que terá lugar na sede da Academia na Coruña desde ás 12.30 horas. Poderá seguirse tamén en directo dende academia.gal e a canle de YouTube da institución.

Ademais de estar á fronte da nova versión do dicionario bilingüe da RAG, María Dolores Sánchez Palomino codirixe o proxecto do Dicionario histórico e etimolóxico da lingua galega, no que participan investigadores das tres universidades galegas, e das de Zürich (Suíza) e Leipzig (Alemaña), é redactora do Dictionnaire Étymologique Roman e dirixiu entre 2012 e 2018 a Rede de Lexicografía Relex, na que participan máis dun cento de especialistas de quince grupos de investigación de países como España, Francia, Alemaña, Italia ou Sudáfrica. Dende 2011 veu impartindo docencia no European Master of Lexicography, EMLex, organizado por un consorcio internacional de universidades e merecedor dunha mención Erasmus Mundus.

A académica electa comezou a colaborar co Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega en 1990, cooperou na elaboración do Vocabulario ortográfico da lingua galega e foi redactora do Diccionario da lingua galega da RAG e o ILG (1990) e do Diccionario da Real Academia Galega (1997). É académica correspondente dende 2004 e participa de maneira continuada na revisión e actualización do DRAG, dispoñible en liña dende 2012.

Ao longo da súa carreira, María Dolores Sánchez Palomino dirixiu e participou noutros proxectos lexicográficos de ámbito autonómico, estatal e europeo, e foi autora dun alto número de publicacións e contribucións relevantes nesta especialidade, no campo da dialectoloxía e da literatura galega e románica en xeral.