«Candorca», «resiliencia» e «ecocidio», entre as finalistas para a Palabra do Ano 2022 da RAG

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Os recentes ataques de candorcas a veleros puxeron a este animal de actualidade.
Os recentes ataques de candorcas a veleros puxeron a este animal de actualidade.

13 dic 2022 . Actualizado a las 19:46 h.

A Palabra do Ano 2022 será autoestima, candorca, comadre, ecocidio, inflación ou resiliencia. Así o indicou onte a Real Academia Galega (RAG), que xunto coa Fundación Barrié concluíu coa escolla destes seis vocábulos. Ata o 25 de decembro o público poderá votar pola súa opción favorita a través da web do Portal das Palabras.

A RAG sinala que «a lingua é un espello do que somos, do que queremos ser, do que nos ocupa e preocupa en cada momento a cadaquén e colectivamente». Nese sentido, engade que a elección do termo do ano «significa un xeito de resumir os últimos tempos, de sintetizar como os vivimos».

Entre outros temas de interese público, neste 2022 a pegada psicolóxica da pandemia propiciou que medrara a conversa política e social sobre a necesidade de prestarlle á saúde mental a atención que merece. E arredor dela os medios de comunicación pasaron a falar decotío de conceptos como o da autoestima, a calidade da persoa que se valora a si mesma positivamente e que, consecuentemente, lle xera confianza no que di ou fai.

A resiliencia é outra voz que pode asociarse á crecente consciencia sobre a importancia do coidado da saúde mental. Foi xa finalista no 2021. A preocupación polo futuro ambiental do planeta é outra realidade que se manifestou nunha morea de suxestións: dende o sintagma emerxencia climática ao neoloxismo ecocidio, voz esta última que fai referencia ao exterminio deliberado dun ecosistema. Xa fora finalista no 2019.

A perspectiva de xénero tamén repite. No 2017 chegou a esta fase violencia de xénero, no 2018 fixérono feminismo e sororidade e en 2019 feminicidio. Nesta ocasión sobresaíu comadre. Alén de indicar parentesco, o significado recollido no Dicionario da RAG, é tamén frecuente empregar esta palabra para se referir á veciña e amiga e evocar as relacións de apoio entre as mulleres.

O escenario económico mundial deixa marca nesta final a través do vocábulo inflación. Xunto a el, os cada vez máis frecuentes avistamentos de cetáceos a moi pouca distancia da beiramar, e mais os encontros dalgúns deles con embarcacións de recreo, parecen explicar outra proposta curiosa dos seguidores do Portal das Palabras: candorca. Así se lle chama en galego á Orcinus orca, un animal pertencente á familia dos delfínidos que chega ata os dez metros no caso dos machos.