Unha viaxe pola música coral galega desde Juan Montes a Fernando Buide

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O Coro da OSG, nun concerto coa Orquestra Sinfónica de Galicia, en imaxe de arquivo.
O Coro da OSG, nun concerto coa Orquestra Sinfónica de Galicia, en imaxe de arquivo. Daniel Ambroa

Pontevedra, Santiago, Lugo e A Coruña acollerán o programa do Coro da OSG

06 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Coro da OSG emprende unha viaxe polos últimos tres séculos da música coral galega que os leva estes días de xira por Pontevedra, Compostela, Lugo e A Coruña. O percorrido iníciase coa Misa solemne en honor del apóstol Santiago, escrita por Juan Montes (1840-1899). Obra de madurez do autor lucense, articúlase en cinco movementos (Kyrie, Gloria, Credo, Sanctus-Benedictus e Agnus Dei) e foi escrita para un certame organizado polo santiagués Ateneo León XIII —e apoiado polo cabido catedralicio— para crear unha misa dedicada ao Apóstolo polo ano santo de 1897, nun concurso no que a peza quedou en segundo lugar —gañou o primeiro premio Bienvenido Socias Mercadante, organista de Santa Ana de Barcelona—. Por iso a partitura do compositor galego non se estreou na festa grande do 25 de xullo, senón na da Translación, o 30 de decembro.

Tan sinalada misa —que «atesoura unha calidade destacable na pureza do trato musical das liñas litúrxicas», segundo enxalza o programa— abrirá os catro recitais do Coro da OSG que entre este mércores e o sábado día 10 ofrecerá, respectivamente, en Pontevedra (igrexa de San Bartolomeu), Compostela (igrexa de San Domingos de Bonaval), Lugo (catedral de Santa María) e A Coruña (igrexa de San Nicolás), no marco da primeira xira da nova tempada da formación coral baixo o maxisterio artístico do contratenor e director Carlos Mena (Vitoria, 1971). Co lema «Son imprescindibles», o coro, baixo a batuta do mestre lugués Javier Fajardo (Viveiro, 1992), novo director musical do conxunto, quere pór en valor un importante patrimonio musical que abrangue os últimos 125 anos.

Nunha segunda parte, o repertorio acolle Tres cantigas de Alfonso X (1929, de Antonio José Martínez Palacios), Villancico (1940, de Vicente García Julbe), Dorme, meu neniño (1981, arranxos de Joam Trillo), Follas novas (2019, de Fernando Buide), Panxoliña da sorrisa da Virxe (2019, de Margarita Viso) e O magnum mysterium (1998, de Javier Busto).

Estrea absoluta

Ademais de permitir disfrutar dun amplo panorama compositivo da música para coro, a velada comporta a estrea mundial da obra Follas novas, de Fernando Buide (Santiago, 1980). Mena lembra que «o coro acumula unha traxectoria musical de case 25 anos [fundouse en 1998, data en que, por certo, Busto compuxo a peza que pecha os concertos], nos que a súa principal actividade estivo vinculada á propia OSG. Con este programa iniciamos unha nova proposta que é a de achegar a música coral, neste caso os imprescindibles, a todos os públicos da comunidade galega».