Santo André

CULTURA

06 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O 30 de novembro celebrouse o día de santo André, que comparte santoral con san Mirocleto, san Euprepes ou san Zósimo, entre moitos outros con nomes estraños para nós hoxe. Santo André era o irmán maior de san Pedro, pescadores os dous e nacidos na histórica cidade de Betsaida nomeada no Novo Testamento. Este santo ten a particularidade de ser considerado o primeiro apóstolo de Xesús ademais de ser protagonista importante na coñecida milagre da multiplicación dos pans e os peixes. Santo André é patrón de diferentes lugares do mundo, entre os que está Escocia. A bandeira oficial escocesa é a chamada cruz de santo André. Esta cruz ten forma de aspa ou xe e representa o martirio deste apóstolo de Xesús.

Segundo conta a tradición, André foi crucificado en Patras (Grecia), nunha cruz deste tipo onde padeceu durante tres días. A esta mesma cruz tamén se lle chama cruz decusada e foi habitualmente utilizada polos romanos como instrumento de tortura e considerada como unha das formas máis terribles de crucifixión e padecemento. El escolleu ser crucificado nela porque non cría que fora digno de facelo no mesmo tipo de cruz que empregaron con Xesús. A relación de santo André con Escocia ten moitas conexións históricas e lendarias que finalmente o levaron a ser patrón destas terras célticas do norte. Unha delas fala da chegada das reliquias do santo ao histórico condado de Fife, centro leste do país, no século IV d. C. Segundo esta lenda foron levadas ata alí polo monxe grego Regulus ou Rule. Despois dun naufraxio, Regulus ergueu unha humilde igrexa no lugar de Kirymont que co paso do tempo chegou a ser a catedral de Sant Andrews e importante lugar de peregrinación e culto. Outra céntrase na batalla de Athelstaneford no ano 832, na que o rei Angus Mac Fergus, temendo ser derrotado polos saxóns, se puxo a pregar ollando como nese intre as nubes formaron a cruz branca decusada sobre o ceo.

Ante aquela visión o rei Angus prometeu que se gañaba aquela batalla faría a santo André patrón de Escocia, e dende aquela en forma de aspas ou x é a bandeira escocesa e santo André o seu patrón. A historiografía real leva isto por diferentes vieiros, pero as lendas son moi importantes para a construción da identidade de calquera pobo.