«La ilusión», de Antonio Doñate: manual de uso para os últimos vinte anos

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

Unha recompilación de trinta artigos repasa os cambios culturais, sociais, económicos e políticos e funciona como unha pequena historia da Internet e do que achegou a blogosfera

07 dic 2022 . Actualizado a las 11:22 h.

É nas primeiras semanas de facultade cando os fatos de futuros xuntaletras afociñan por vez primeira cun titular, ese bocadiño de realidade que perseguirán, famentos, o resto da súa vida. Aparécese na aula Marshall McLuhan: O medio é a mensaxe. Esa revelación de que o soporte sempre batuxa o texto, do condicionamento (se cadra inconsciente, se cadra subconsciente, de calquera xeito omnipresente) na escolla de palabras segundo onde vaian escribirse, percorre como un itinerario invisible pero rotundo o mapa que se desprega en La ilusión (La documental edicions), unha cartografía cotiá dos últimos vinte anos que Antonio Doñate presenta esta tarde en Numax (20.30 horas). 

Trinta artigos compoñen un atlas cultural, social, económico e político do que vai de século XXI, profundamente atravesado pola remuda do medio. A palabra deixaba de ser patrimonio da tinta para reproducirse, sen intermediarios, nas redes. O medio, moldeando: «Creo que se creou un tipo de escritura nova, máis fresca». 

Abría Doñate aló polo 2002 o blog Enfermedades modernas. Alí deitou parte das reflexións que conforman La ilusión, comezando por unha revisión da canción do verán e do consumo irónico audiovisual que, malia a ter vinte anos, podería terse escrito hai vinte meses. «O criterio, cando me propuxeron este libro, era ver se a cousa aguantaba, se estaba de acordo co que daquela pensaba. Sorprendentemente, seleccionando e podando, vin que conseguía reunir bastantes que son vixentes e cos que concordaba».

Mestúranse, de xeito cronolóxico, escritos en suplementos culturais, intervencións, textos en diversas publicaciacións e algún inédito con entradas que agromaron naquela blogosfera que gurgullaba a comezos do século XXI e que rematou nutrindo o xornalismo e a literatura con elementos que se cadra, están ancorados naqueles «desbarres que había nos blogs».

Confesa Antonio Doñate que prefire as pezas que teñen orixe nos blogs (Enfermedades modernas e Sobre as cousas, proxecto colectivo), «non sei se dicir que son máis honestas, pero si que me renxen menos por dentro», ata o punto de que gusta máis dalgún post que dos dous libros, o soporte sacralizado da cultura universal. «Non entro en se é mellor ou peor, pero creo que ten máis verdade». Libre de corsés, da necesidade (inconsciente, subconsciente, presente) «de impostar un pouco a voz, porque queres estar á altura». 

Soan ecos de Estiu 1993, dun dos textos que conforman La ilusión cando sae á conversa a autoficción, «filla directa do que se facía na blogosfera» e un dos xéneros máis transitados no último lustro. Abrolla tamén o concepto de simulacro, vencellado á polisemia, a modo de chiscadela, de xogo consciente, do título do libro: ilusión é esperanza, pero tamén tomar como real algo que non o é. Un simulacro. 

«O gancho que ten o pop, o capitalismo, é que nos ilusiona con impactos de cores que son irresistibles. Xa que nos capturan, o que propoño é que intentemos ser concientes do que acontece. Xa non pido derrocar o poder pop, que iso é imposible, pero si apreciar a anatomía». Diseccionar o fulgor e aprender a dubidar sobre os mitos. 

«Un é fillo do seu tempo» e o tempo de Doñate é o da posmodernidade. «Empezamos a cuestionarnos a verdade da representación, da cultura, do noso achegamento a elas». Así que La ilusión é un libro «dun tipo que vive na era pop, que se deixa levar moito pola era pop, pero que co paso dos anos vaise resistindo máis a tirarse por ese torrente que nos ofrece o fulgor das imaxes».

Hai unha división (se cadra inconsciente, se cadra subconsciente, de calquera xeito presente a través das fotografías de Carmen Gray) que xera un xogo de espellos en La ilusión: a primeira parte tende máis á análise cultural, á voz individual e intimista. A unha etapa na que publicou dúas novelas, na que as cousas ían ben. «Tiña tempo para estas cousas porque a economía ía mellor». 

O encarte fotográfico serve como separador. Como imaxe da frase que pronuncia Doñate: na segunda década, logo do 2010 «todo comezou a complicarse». Os textos viran nun eco. Reproducen unha voz colectiva. Fálase de maternidade, de paternidade, de feminismo, de economía. «Pasei de falar dos meus deuses culturais máis adolescentes, aínda que sexa criticamente, a falar de cousas máis sociais».

Unha voz textualmente política. «Eu sempre estiven incómodo. Se non estar cómodo é facer política, apúntome», di Antonio Doñate, que se recoñece na disconformidade, no contrapelo. De feito, o seu nick hai vinte anos (e polo que rematou sendo coñecido na vida real, porque a liña entre virtualidade e veracidade esluíase rapidamente) era Contra. 

Hai que ter coidado con que as árbores non deixen ver o bosque. Pero non hai fraga sen carballos. A recompilación de textos funciona como un ensaio dende dentro, un exercicio próximo ao xornalismo gonzo. «É unha cura de humildade ver que as túas achegas, que en principio pensas que son moito máis autónomas, ao final están insertas claramente no clima do tempo, na tendencia, na moda». 

E a moda, ultimamente, é a nostalxia. «Unha das reservas cando fas algo así é non caer no viva antes». La ilusión non é un texto xeracional. Pero si que conecta con quen viviu aqueles anos de estourido da Internet social, do cambio do medio, do impacto na mensaxe. E tamén con quen navega entre a era do módem de 56k e o Iphone. A xeración de entre 30 e 40 anos, que viviu en parte o estourido. 

«De aí para abaixo, non teño nin idea», resposta Doñate sobre a lectura que pode facer a xeración Z. «Pero creo que está ben que libros que relatan períodos determinados funcionen como arquivo». Como un manual de uso para os últimos vinte anos.