A escrita teatral galega reivindica a tradición oral e o público infantil

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

CONCHI PAZ

Fernando Castro, Ana Carreira, José Luis Baños e Eva Mejuto gañan os premios Álvaro Cunqueiro. Manuel María e Barriga Verde de literatura dramática, que nesta convocatoria recibiron máis de 80 obras dramáticas orixinais

30 nov 2022 . Actualizado a las 15:54 h.

Dende o escenario do Salón Teatro, Fernando Castro mira a Ariadna e Candela, dúas alumnas da aula de teatro do IES Fernando Blanco de Cee, que sorrín dende a platea. «Alí foi onde comezou todo. Sen ese grupo probablemente nunca tería escrito unha palabra de teatro na miña vida». Pero a faísca prendeu, e o monólogo O traxe vén de gañar a vixésimo sexta edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais pola «calidade da escrita, unha textualidade contemporánea, excelentemente estruturada e dotada dun interesante ritmo, así como dun inquietante humor negro», segundo o fallo do xurado.

Abofé que prendeu, porque Castro Paredes suma o Álvaro Cunqueiro a anteriores galardóns (o Varela Buxán, o Roberto Vidal Bolaño, o Rafael Dieste e o Nova Dramaturxia Galega Actual, por exemplo) e a publicación deste texto a unha lista que xa inclúe os títulos A derradeira bala, Papiroflexia, Pallaso, Amorodo agre e Ofelia ou o cabeiro da cóbrega.

O traxe é unha das máis de 80 obras orixinais que se presentaron este ano aos premios de literatura dramática que convoca a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e que serven como estímulo para un xénero que non ten o predicamento doutros da literatura galega, pero que si conta con importante potencial creativo, explicaba o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. 

Dese potencial creativo e do diálogo aberto ao mundo deron conta os textos gañadores desta convocatoria. Ana Carreira, que obtivo o premio Manuel María de literatura dramática infantil por Nin me amoles, reivindicou, a través da voz de Melania Cruz (que recolleu o premio no seu nome) que se trate «na vida e nas artes como persoas completas e complexas» ao público infantil.

Carreira é actriz, narradora oral e pedagoga, así como confundadora de Ubú Teatro, membro da compañía Pínconús e gañadora no ano 2014 do Varela Buxán pola peza Un intre antes do solpor.

O xurado salientou da historia de Lola que a protagonista se afasta do rol feminino clásico combinando habilmente inxenuidade e complexidade psicolóxica. A calidade dramática e literaria da peza é quen de crear un «universo peculiar no que se tratan temas claves para a infancia na sociedade contemporánea».

Tamén a distopía Nas nubes, que lle mereceu a José Luis Baños de Cos o Barriga Verde na modalidade de teatro para adultos, trata temas claves da sociedade actual, como a obsolescencia programada ou dixitalización da conducta humana. O texto dramático propón unha situación futurista na que dous guías dun museo lle amosan a un público erudito obxectos da era predixital, todo cunha ambientación musical e estética inspirada na cultura xaponesa.

Baños de Cos, que compaxina a docencia teatral coa súa actividade como dramaturgo, foi xa galardoado con premios como o Jenaro Marinhas del Valle, o Abrente da MIT de Ribadavia, o Roberto Vidal Bolaño, o Varela Buxán ou o de textos teatrais para público infantil da Escola Navarra deTeatro. Entre as súas obras representadas, atópanse O faiado por Teatro Ó Cubo, A espera por Titereficcións e Suit(e) Up por Fanfarra Teatro.

Na modalidade de teatro para rapazada do Barriga Verde o premio recaeu n'Os contos de Lobicán, de Eva Mejuto, que reivindicou a importancia da tradición oral da que bebe esta peza, que mestura teatro e poesía, se cadra os dous xéneros con menos visibilidade da literatura infantil e xuvenil.

«Teño perfectamente definida na miña memoria sensorial o acubillo das sabas á caloriña dos contos» do seu pai, que foi o creador do Lobicán, e tamén da súa nai, que foi quen lle inculcou o gusto pola lectura. 

A traxectoria literaria de Eva Mejuto suma agora o Barriga Verde por unha historia, contada en verso, do que o xurado salientou tamén a súa concepción plástica, que reforza o universo tradicional de referencia sen deixar de poñer solucións relacionadas con tendencias escénicas máis actuais. 

O CDG máis inclusivo: «Queremos que todas as funcións sexan accesibles»

M. G. Iglesias

Espectáculos escénicos para toda a cidadanía e en calquera función. Ese é o obxectivo que se marca o Centro Dramático Galego (CDG), a unidade teatral da Xunta, coa posta en marcha dun sistema pioneiro de teatro inclusivo que permite dispoñer na práctica totalidade das funcións das montaxes propias de interpretación en lingua de signos, subtítulos e audiodescricións. Deste xeito, as persoas con discapacidade visual ou auditiva poden asistir en calquera xornada ao Salón Teatro e non cinguirse ás sesións inclusivas que se programaban con anterioridade. «O obxectivo é que, dalgún xeito, todas as funcións sexan realmente accesibles. [...] Queremos que calquera persoa xorda ou cega poida ir ao teatro cando lle apeteza», explica o director da compañía, Fran Núñez.

Seguir leyendo