Rexistran unha iniciativa para corrixir erros «importantes» no himno de Galicia e actualizalo

Manuel Varela Fariña
m.varela SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

CESAR QUIAN

A letra actual baséase nunha versión de 1935, segundo unha investigación, e non no texto orixinal de Pondal

15 abr 2023 . Actualizado a las 19:22 h.

A letra do actual himno de Galicia non respecta a orixinal de Eduardo Pondal. Así o conclúen nas súas investigacións o musicólogo Fernando López-Acuña e o catedrático da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro, que xa achegara un estudo en 1996 onde demostraba a deformación do texto. No Parlamento rexistrouse onte unha iniciativa lexislativa popular (ILP) impulsada por unha trintena de persoas, entre elas as entidades Vía Galega e Galiza Cultura, así como os propios investigadores, que reclama corrixir os erros observados e restaurar o himno xenuíno.

Na exposición de motivos da ILP faise referencia a castelanismos e hiperenxebrismos como «ronco/rouco» ou «iñorantes» (escribiuse ignorantes na forma orixinal), así como a deturpación da expresión orixinal por un «proceso de banalización textual, pasando de clan —pobo— a chan». Observan tamén a aparición de formas idiomáticas falsas e inexistentes no poema de Pondal e tamén no idioma, como a substitución de «férridos» por «féridos». Segundo indicaron onte os promotores da iniciativa, o poeta xa era consciente «destas deturpacións textuais» cando, nunha carta do 11 de xaneiro de 1913, advirte que «o texto contén non poucas erratas», polo que habería que corrixilas «oportunamente». Con todo, lembran, o estado de saúde de Pondal non lle permitiu emendar eses erros. Piden agora ao Parlamento emendalos 115 anos despois de que o himno fora interpretado por primeira vez no Gran Teatro da Habana.

O texto rexistrado para a ILP debe ser agora analizado pola Mesa do Parlamento e, posteriormente, superar a recollida de firmas que o apoien para o seu debate na Cámara.

A orixe do erro

Vía Galega e Galiza Cultura argumentan que a letra aprobada polo Diario Oficial de Galicia en 1984 non recolle as estrofas do poema Os Pinos da fonte orixinal pondiana, senón que se basea «nunha deficiente versión editorial realizada en 1935, no centenario do nacemento do poeta». «O feito desa edición ter herdado, e acrecentado, os erros e deturpacións textuais acumulados desde había anos explica o texto oficial do himno, que cómpre recuperar e actualizar catro décadas após a promulgación da Lei de Símbolos», reclaman os promotores da iniciativa.

Unha vez actualizado o himno, piden que a letra se divulgue e promova «de forma masiva» en centros educativos, asociacións e bandas de música.

Así quedaría o himno

Que din os rumorosos,

na costa verdecente,

ó raio trasparente

do prácido luar...?

Que din as altas copas

de escuro arume harpado

co seu ben compasado,

monótono fungar...?

«Do teu verdor cinxido

e de benignos astros,

confín dos verdes castros

e valeroso clan,

non des a esquecemento

da inxuria o rudo encono;

desperta do teu sono,

fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos

a nosa voz entenden,

e con arroubo atenden

o noso rouco son;

mas sós os ignorantes

e férridos e duros,

imbéciles e escuros,

non os entenden, non.

Os tempos son chegados

dos bardos das edades,

que as vosas vaguedades

cumprido fin terán;

pois donde quer, xigante,

a nosa voz pregoa

a redenzón da boa

nazón de Breogán».