Un poeta de 9 anos

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

26 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai noventa anos que Federico García Lorca —«o poeta mártir», como lle chamou Castelao— veu a Galicia por cuarta e derradeira vez. Nesa viaxe de novembro de 1932 pronunciou en Pontevedra unha conferencia sobre «María Blanchard, gloria y angustia de la pintura moderna», e en Pontevedra coñeceu ao grupo de mozos, entre eles Xosé María Álvarez Blázquez, que acababan de estrear Cristal, interesante revista literaria da que se publicaron dez números (1932-1937), un deles dedicado a Lorca.

Para conmemorar a estadía do impar creador na cidade de Pontevedra, o grupo Correo do Vento organizou unha semana lorquiana de conferencias (unha, miña) e un roteiro literario moi orixinal. Tamén en Vigo, días antes, o 10 de novembro, o club de lectura Amibros ofreceu un recital de doce voces, que eu introducín e coordinei. Textos en galego e en castelán, xa de Lorca, xa sobre el, foron recitados (ou declamados) por persoas comprometidas coa causa da lectura, algunhas delas co mellor rigor profesional (Laura Pérez Landeira, Julián Rodríguez Novo, Andrea Isasi Navas...). Os asistentes tardarán en esquecer Exequias de García Lorca (poema de Eduardo Blanco-Amor, na voz de Laura), La musa ante las pistolas (de León Rojo, na voz de Julián), O poeta visita un hospicio (de Víctor Campio Pereira, na voz de Andrea)...

No recital vigués figuraba un breve poema en prosa de Ricardo Madoc Frontini Hermelo, que tiña 9 anos cando o escribiu en Bos Aires, a cidade onde, en 1937, a súa nai, Mony Hermelo (coa colaboración de Luís Seoane), protagonizou un grandioso recital.

A prosa poética deste neno de 9 anos, Poema a Federico, foi recitada en Vigo, por Clara Míguez Alén, de doce anos, con emoción (e un pouco de nerviosismo), e o auditorio non deixou de percibir o momento máis conmovedor do texto, aquel en que se fai máis transparente a concepción infantil do autor: «...existió un gran hombre en un país llamado Granada... Este hombre había muerto en Granada a manos de un soldado muy malo».

Ricardo Madoc xa publicara un poema, aos 7anos, na revista Resol (1932), cando súa nai recitou en Compostela.